publicidade hoxe

Edicións Fervenza e Héitor Picallo presentan na Pobra do Caramiñal o libro “No medievo, castañas e castiñeiros como recursos económicos”

Portada do libro

Portada do libro

O auditorio do Museo Valle-Inclán (A Pobra do Caramiñal) acolle este venres 22 de febreiro, ás 20.30 h, a presentación do libro “No medievo, castañas e castiñeiros como recursos económicos” publicado por Edicións Fervenza, e da autoría de Héitor Picallo. No acto, o autor estará acompañado polo director do Museo Valle-Inclán, Antonio González Millán.

A obra

Esta obra permite coñecer a procedencia de moitas das normas que caracterizan os aproveitamentos do rural e dalgúns arrevesados aspectos en canto á propiedade, usos e costumes, pero tamén ofrece pasaxes valiosísimas para ponderar a importancia que os castiñeiros e as castañas tiveron ao longo da Historia. Con este libro, Héitor Picallo lévanos a unha parte biolóxica da nosa historia, a través das coleccións diplomáticas de moitos mosteiros e entidades eclesiais e nobiliarias, mergullándose nelas e proporcionándonos unha información de primeira orde, ata agora moi descoñecida, que nos fai comprender non só a lexislación sobre esta temática, senón tamén numerosas características que encerra a nosa cultura tradicional ao longo dos séculos.

Colaboracións

Esta publicación, editada por Edicións Fervenza, contou coa colaboración do Concello de Cuntis e o Ministerio de Transición Ecológica.

O autor

Héitor Picallo Fuentes, nado na vila do Baño (Cuntis – Pontevedra) o 18 de outubro de 1974, é enxeñeiro técnico naval (UDC), aínda que tamén se dedica á escrita e ilustración de libros.

Publica en revistas de investigación como Museo de Pontevedra, Compostellanum, Anuarium Sancti Iacobi, Tapa, Conimbriga, Murguía… Artigos xornalísticos seus ven a luz no Galicia Hoxe, Sermos Galiza, Diario de Pontevedra, Diario de Arousa, A Nosa Terra… Por algúns deles é recoñecido cos premios Máximo Sar de Periodismo (2005) e o Reimóndez Portela (2012).

Da súa autoría é a colección de oito libros infantís titulados Tilirín: O meu primeiro dicionario; así como os ensaios Xohán Xesús González: un precursor do soberanismo Galego (2008), Coa lingua na terra (2013) e Cuntis na época romana (2016). Alén diso, colabora en non menos dunha ducia de obras literarias máis.

No eido das artes plásticas ten exposto no Museo de Pontevedra, o MUPEGA, o MOME, o Museo Valle–Inclán da Pobra do Caramiñal, o Museo do Mar de Galicia etc. Nesta última institución colabora na recoñecida mostra d’O Pergamiño Vindel: un tesouro en sete cantigas.

Ademais de ilustrar libros e publicacións periódicas, son coñecidas as súas composicións e caricaturas de autores e autoras homenaxeados co Día das Letras Galegas, algunhas das cales foron portada no Diario de Pontevedra, Galicia Hoxe e El Correo Gallego.

20 de febreiro de 2019 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.