publicidade hoxe

Cultura promove unha nova convocatoria de axudas para a mellora de equipamentos culturais dos concellos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Cultura e Turismo promove unha nova convocatoria das axudas para a adquisición de equipamento e a mellora das instalacións destinadas á programación de actividades culturais, dotada con 500.000 euros. A convocatoria sae publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia e a ela poderán presentarse todos os concellos, as súas entidades públicas con personalidade xurídica propia ou as agrupacións de concellos galegos que o desexen.

Os proxectos susceptibles de optar ás subvencións deberán desenvolverse en espazos nos que teña lugar unha programación estable de actividades culturais (bibliotecas, casas e pazos da cultura, locais e centros socioculturais, auditorios, casas da xuventude etc). Entre as actuacións susceptibles de acadar axudas están a supresión de barreiras arquitectónicas, medidas de seguridade e extinción de incendios, mellora da accesibilidade, adquisición de equipamento audiovisual ou compra de material escénico, entre outras.

A Dirección Xeral de Políticas Culturais considera prioritaria a mellora das condicións de equipamento e dotacións técnicas dos espazos das corporacións locais para que poidan abrir as súas propostas culturais a novos campos, adaptándoas ás necesidades que require o desenvolvemento dunha oferta estable, diversa e de calidade. Nese sentido, esta liña de axudas dálles preferencia ás iniciativas das entidades menos poboadas, para contribuír á equidade e ao reequilibrio territorial, facilitando a toda a cidadanía as mesmas oportunidades de acceso á cultura.

Prazo de presentación de solicitudes

As entidades que desexen acollerse a esta orde de axudas dispoñen dun mes, contado a partir do día seguinte á súa publicación da orde no DOG.

A axuda máxima por beneficiario é de 30.000 euros, que en ningún caso poderá exceder do 90% do orzamento total do proxecto subvencionable. O importe poderá ascender a 35.000 euros cando se trate de solicitudes conxuntas.

A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral de Políticas Culturais, vén convocando anualmente esta liña de axudas pública, en réxime de concorrencia competitiva.

7 de febreiro de 2019 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.