publicidade hoxe

Cultura e Turismo destinará 240.000 euros á conservación de inmobles da diocese de Santiago de Compostela

Román Rodríguez na sinatura do convenio

Román Rodríguez na sinatura do convenio

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o arcebispo da Diocese de Santiago de Compostela, Julián Barrio, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a posta a disposición dos terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións de conservación e restauración da Capela do Carme de Muros, da Igrexa de Guimarei e Igrexa de Berres da Estrada e da Igrexa de Santa María de Lamas en Boqueixón.

A achega total da Xunta para este acordo ascende a 241.944 euros e as intervencións previstas están incluídas no Plan estratéxico para a protección e conservación do patrimonio cultural de Galicia, que entre outros fins ten como obxectivo conservar o patrimonio cultural galego, actuando en catedrais, mosteiros, conventos, abadías, igrexas e patrimonio eclesiástico galego.

Igrexa de Santa María de Lamas

Esta igrexa presenta patoloxías derivadas da presenza de humidade. Para emendalas, redactarse o proxecto básico e de execución da intervención, e realizaranse as obras previstas nese proxecto e que comprenderán os traballos necesarios de conservación en limas, encontros de cubertas e muros, canlóns e baixantes e a eliminación de humidades nos muros. O investimento chegará aos 100.000 euros e o prazo de execución previsto destes traballos é de 15 meses.

Igrexa de Guimarei

No caso deste inmoble ubicado na Estrada, restaurarase o retablo maior e, para iso, as actuación propostas no convenio pasan pola desmontaxe do lateral dereito do ático co fin de acceder á traseira do retablo para comprobar o estado de conservación da estrutura e por aplicar un tratamento de desintectación. Ademais, substituiranse os elementos estruturais que o así o precisen e fixarase a capa pictórica e realizaranse as catas oportunas para valorar a existencia de policromías subxacentes co fin de decidir a procedencia ou non da retirada do repinte que cubre a totalidade do retablo e das imaxes. Estas e outras medidas levaranse a cabo nun prazo de catro meses cun investimento de 55.000 euros.

Igrexa de Berres

A igrexa estradense tamén contará cunha achega de 55.000 euros para a restauración do retablo grazas a uns traballos que se desenvolverán nun período estimado de catro meses. Para atallar as deficiencias que presenta procederase ao desmontado do baldaquino situado na rúa central do corpo principal co fin de acceder ao fondo da fornela central para comprobar o estado de conservación da estrutura. No caso de que o seu estado de conservación non garanta a estabilidade do retablo, desmontarase e repararanse ou substituiranse os elementos de tipo estrutural que o precisen. Así mesmo, aplicarase un tratamento de desinsectación; procederase ao illamento, montaxe e ancoraxe do retablo ao muro; e farase a reintegración cromática do mesmo.

Capela do Carme de Muros

Neste caso, procederase á segunda fase de restauración dos retablos de San Marcos e de San Xerome a as imaxes de San Marcos, San Xerome e Santo Antón. Cómpre destacar que o inmoble e os retablos laterais da capela están incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

A través da achega da Xunta de 31.944 euros e nun prazo de tres meses, revisarase o estado da fixación da capa pictórica, da limpeza e da eliminación de fungos da madeira efectuadas na primeira fase. Así mesmo, substituiranse as partes da estrutura que estean danadas, illaranse os retablos e ancoraranse ao muro. Por outra banda, realizarase unha limpeza físico-química da policromía, reconstruirase a parte faltante do frontal de altar do retablo de San Marcos con madeira de castiñeiro e reproducirase o frontal de altar do retablo de San Xerome da zona da Epístola tamén con madeira de castiñeiro, entre outras actuacións necesarias para conservar estes bens.

28 de febreiro de 2019 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.