publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Convócase o programa Innova Peme para que o tecido empresarial poida mobilizar 5M€ no lanzamento de novos produtos

Francisco Conde na visita a Industrias Guerra e Hitraf en Vila de Cruces

Francisco Conde na visita a Industrias Guerra e Hitraf en Vila de Cruces

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe en Vila de Cruces, nunha visita a Industrias Guerra e Hitraf, a capacidade da industria forestal de Galicia que está a despegar, xa que as exportacións entre xaneiro e novembro de 2018 acadaron os 850 millóns de euros, convertendo a Galicia na segunda comunidade en vendas ao exterior, cando hai 10 anos contaba coa metade de facturación. En volume de cortas superou por primeira vez en 2017 a cifra de 8,5 metros cúbicos de madeira cortada.

Conde destacou os avances da industria forestal en eidos como a diversificación, innovación e internacionalización e lembrou que as compañías deste ámbito poden optar ás axudas autonómicas do programa Innova Peme co obxectivo de mobilizar máis de 5 millóns de euros e cubrir o 50% dos gastos que a unha empresa lle poida supoñer levar adiante un plan de innovación. Esta iniciativa na súa primeira edición permitiu a 49 empresas impulsar a súa capacidade de innovación para lanzar novos produtos e servizos e mellorar os seus procesos.

O titular de Economía avogou por reforzar a modernización tecnolóxica e a formación dos traballadores e traballadoras desta actividade económica recordando que a Xunta ten en marcha tres programas que permitirán mobilizar máis de 32 millóns de euros e beneficiar a 130 pemes de toda a cadea forestal para que poidan impulsar a súa competitividade, o seu nivel de modernización tecnolóxica e a formación dos seus empregados. Neste último eido, a Consellería de Economía, Emprego e Industria prevé a través dos seus programas en material laboral e forestal formar a 2500 persoas no eido forestal cun orzamento de cinco millóns de euros.

Conde salientou que a Administración autonómica está centrada en impulsar esta industria extensa, arraigada no medio rural e con moitas posibilidades de crecemento. Neste senso, puxo como exemplo a Industrias Guerra, unha das principais empresas en España que se dedica á fabricación propia de grúas forestais, mariñas e para reciclaxe que exporta en torno ao 65% das grúas hidráulicas que fabrica a países de Europa, América, Asia e África. De feito, está presente en máis de 20 países como Portugal, Francia, Alemaña, Marrocos, Singapur ou Ecuador. A compañía, cun cento de traballadores e unha facturación de máis de 11 millóns de euros, deseñou un simulador forestal que os alumnos e alumnas do IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo están utilizando para formarse e responder mellor ás necesidades da industria.

Para rematar, Conde apuntou que a industria forestal ten moitas posibilidades de seguir crecendo achegando, ademais, moito coñecemento en materia de innovación e Industria 4.0.

11 de febreiro de 2019 | 16:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.