publicidade hoxe

Chega aos cinemas a primeira longa de Diana Toucedo, ‘Trinta lumes’, producida co apoio da Xunta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

Trinta lumes, a primeira longametraxe da realizadora galega Diana Toucedo, chegará este venres ás salas de cinema para a súa estrea comercial despois de ter sido exhibida en destacados festivais internacionais, como o de Berlín, onde celebrou a súa estrea mundial hai agora un ano.

A película, rodada ao longo de varios anos na serra do Courel, contou no seu camiño cara á pantalla grande cunha achega económica da Xunta de Galicia de máis de 30.000 euros mediante as liñas de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego e mais para a promoción e difusión do noso cinema en festivais e mostras de prestixio internacional. A través desta última convocatoria, apoiouse a súa presentación na sección Panorama da Berlinale, tras a que tivo a súa estrea española no Festival Internacional de Cine de Málaga.

A partir de mañá, Trinta lumes poderá verse en Galicia (Cines Cantones da Coruña, Minicines Central da Estrada, Cines Dúplex de Ferrol, Cinema Codex de Lugo, Numax de Santiago e Multicines Norte de Vigo), así como en Cataluña (Cinemes Girona de Barcelona e Espai Funatic de Lleida) e Madrid (Círculo de Bellas Artes). Ademais, con motivo da súa estrea comercial, durante esta fin de semana terán lugar varios pases especiais coa participación dos integrantes do equipo na Coruña, Lugo, Santiago e Vigo.

Do visible ao invisible

Producida pola empresa galego-catalá Lasoga Films xunto coa propia Diana Toucedo, o filme sitúase entre a ficción e o documental para lle propoñer ao espectador unha viaxe sensorial do visible ao invisible. A protagonista desta historia é Alba, unha rapaza de 13 anos, que desexa descubrir o descoñecido, o misterioso e o fascinante da morte. Xunto co seu mellor amigo, Samuel, entran en casas abandonadas, percorren aldeas destruídas e se adentran nas montañas do Courel, que agochan todo un mundo paralelo.

Segundo a súa directora, o reto cinematográfico era desvelar algo dese mundo máis oculto que visible, botando man da ollada do poeta Uxío Novoneyra, quen definiu O Courel como un iceberg. Con tal fin, a fita narra unha viaxe que parte da inocencia para descubrir o misterio da loita entre a vida e a morte.

Galega afincada en Barcelona, Diana Toucedo debuta con Trinta lumes na dirección de longametraxes, tras unha ampla traxectoria como montadora de longas e directora de curtametraxes documentais e experimentais, que compaxina coa súa faceta como docente en diferentes centros universitarios de Cataluña.

Na actualidade, atópase en proceso de produción de Porto desexado, documental que está a rodar entre Galicia e Arxentina e para o que conta de novo con subvención da Agadic.

7 de febreiro de 2019 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.