publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Catro novas lanzadeiras de emprego incrementarán en Arteixo, Carballo, Marín e Redondela a inserción laboral de 80 alumnos

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Sen categorizar ▼
A-
A+

A Xunta, en colaboración coa Fundación Santa María la Real e a Fundación Telefónica, porá en marcha o próximo mes de marzo catro novas lanzadeiras de emprego en Arteixo, Carballo, Marín e Redondela para incrementar as oportunidades laborais de 80 persoas sen emprego. Estas catro aceleradoras sumaranse ás que xa están funcionando desde novembro do ano pasado na Coruña, Ferrol, Lugo, Pontevedra e Santiago cun centenar de participantes. Entre 2016 e 2017, ademais, puxéronse en marcha outras 15 lanzadeiras en Galicia con máis de 400 alumnos e alumnas e unha media de inserción laboral do 60%.

Os interesados en participar neste programa poden realizar a súa inscrición ata o próximo 6 de marzo na paxina web ou nas oficinas de emprego de Coruña Centro, Carballo, Pontevedra-Bisbarra e Redondela. Poderán participar homes e mulleres de entre 18 e 60 anos que se atopen en situación de desemprego, xa que o obxectivo deste programa é activar a busca dun traballo con novas técnicas e ferramentas acordes ás novas necesidades do mercado laboral. Os alumnos e alumnas poderán ter calquera nivel de estudos e/ou contar con experiencia en calquera sector económico.

Cada unha das lanzadeiras de emprego, que contan co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, dentro do programa operativo Poises, terá 20 prazas. O reto é configurar equipos heteroxéneos para que non exista competencia á hora de buscar traballo, senón unha cultura colaborativa. Coa guía e orientación dun técnico especializado, os alumnos e alumnas levarán a cabo diversas actividades para optimizar a súa busca de traballo como obradoiros de intelixencia emocional para aprender a facer un plan de busca de emprego, actualización ou modernización dos currículos, simulacións de entrevistas de traballo, ao tempo que aprenderán novas técnicas de comunicación, marketing e marca persoal.

6 de febreiro de 2019 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.