publicidade hoxe

As cortas de madeira solicitadas en Galicia baten récords en 2018 tras superar os nove millóns de metros cúbicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

As cortas solicitadas no 2018 en Galicia superaron amplamente os nove millóns de metros cúbicos de madeira, o que supuxo acadar rexistros nunca observados nesta comunidade. Así o avanzou hoxe o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, na comisión 7ª de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes na que compareceu a petición propia e onde explicou que estas cifras supoñen máis da metade da madeira cortada en todo o estado. Neste sentido, sinalou que estas cortas estarían relacionadas coa tramitación de máis de 100.000 expedientes de corta, é dicir, segundo unha primeira estimación, uns 70.000 propietarios forestais venderían madeira por un prezo aproximado de 300 millóns de euros, clarificou José Luis Chan.

Nesta comisión, o novo director adscrito á Consellería do Medio Rural aclarou a organización interna e as funcións do seu departamento, que aglutina todo o inherente á política forestal, desenvolvemento das medidas relacionadas coa planificación, ordenación, fomento e mellora da produción e conservación dos recursos forestais.

Así, José Luis Chan trasladou que, para impulsar a xestión forestal activa e multifuncional do monte galego, se recorrerá a elementos como o propio Plan Forestal, os Plans de Ordenación de Recursos Forestais (PORF) e os modelos silvícolas e códigos de boas prácticas, adaptados á pequena propiedade típica de Galicia. Ademais, explicou que entre os intereses da dirección estará o de acordar todas as medidas entre os sectores e axentes económicos, ambientais e sociais implicados, co obxectivo de xerar compromisos de corresponsabilidade.

A maiores, o director fixo fincapé en que entre as prioridades marcadas pola dirección xeral está a de fomentar a agrupación e o asociacionismo forestal e desenvolver a figura do silvicultor activo, tal e como establece o ditame de reforma da política forestal. Chan sinalou que pretende vincular esta figura cun novo concepto, o de explotación forestal. En todo caso, o director tamén aclarou que a madeira “non pode deixar en ningún caso de restar esforzos en garantir a cantidade e calidade doutras producións forestais como cogomelos, cortiza, resina ou castaña”.

Neste sentido, o director indicou que para levar a cabo todo isto, cómpre ter en conta o ámbito ambiental e o cambio climático, que suporá novos retos que afrontar nos montes. Así, tamén trasladou que outra prioridade do seu departamento será favorecer medidas que melloren a resiliencia dos montes galegos e para iso, será clave o correcto mantemento das masas forestais e apostar polo control e certificación de sementes de reprodución.

Como retos complementarios, o director xeral adiantou que a Consellería do Medio Rural mellorará a información dispoñible en materia de datos estatísticos do sector forestal para a correcta toma de decisións e promover un marco social cooperante.

Precisamente nesta cooperación terá un papel clave o consello forestal de Galicia, non só como organismo consultivo, senón que funcionará como vía a través da cal diferentes grupos de traballo propoñan temas ou aspectos que se deben ter en conta dentro da política forestal galega.

Leader

Noutra orde de cousas, o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, tamén participou na sesión da comisión 7ª desta mañá e fixo balance da execución do Leader nos últimos anos. Nela destacou que este programa permitiu crear 886 empregos en só dous anos e garantiu o mantemento doutros 4.342 postos de traballo, co compromiso de mantelos durante os próximos cinco exercicios.

Isto é posible, segundo explicou Pérez Dubois, polo alto grado de execución desta medida, que nas últimas convocatorias contou cun orzamento asignado de 47,9 millóns de euros. Desta cifra, trasladou que xa están executados 33,3 millóns, aos que habería que sumar outros 9,4 que están comprometidos con cargo ao presente exercicio, polo que, unha vez rematada a execución, chegaría ao 90% sobre o orzamento asignado. “No referente ao orzamento inducido nestas dúas convocatorias, podemos afirmar que o Leader posibilitou a investimento de 86,6 millóns de euros”, dixo o director, que se amosou “máis que satisfeito” co desenvolvemento deste programa.

Couza da pataca

Por último, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, respondeu a unha pregunta sobre a couza da pataca e insistiu en que, polo de agora, non é posible plantar pataca nos municipios demarcados. Así se lles comunicou aos alcaldes destes concellos, segundo explicou José Balseiros, a través dunha carta enviada a cada un deles. Neste sentido, o director aclarou que a normativa establece que non se poderá plantar pataca ata transcorridos dous anos dende o último positivo da couza, que sería cando se consideraría erradicada a praga, situación que aínda non se dá en Galicia.

Nesta liña, José Balseiros indicou tamén que a praga evoluciona favorablemente ao reducirse de forma considerable o número de capturas, pero tamén sinalou que se seguen rexistrando positivos nalgunhas zonas que poderían estar relacionados con movementos non permitidos de pataca. Por iso, segundo trasladou o responsable, na última mesa da pataca celebrada o 13 de decembro acordouse intensificar as medidas de control neste sentido. Medidas que, ademais, foron incluso postas de exemplo polo ministerio para o resto de comunidades e avaladas pola propia Unión Europea.

14 de febreiro de 2019 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.