publicidade hoxe

As axudas autonómicas para entidades de iniciativa social increméntanse un 60%

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta incrementa nun 60% as axudas dirixidas ao financiamento de programas que realizan entidades de iniciativa social, ata acadar os 15,8 millóns de euros ata o ano 2020. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución destas axudas das que se beneficiarán 124 entidades.

Ademais do aumento do orzamento, outra das novidades é que se amplía por primeira vez o prazo subvencionable das actuacións, que agora abarca entre o 1 de xullo de 2018 e o 30 de xuño de 2020. Deste xeito, aténdese ás demandas das entidades que disporán dunha maior estabilidade na súa planificación e programación. Neste sentido, cómpre indicar que a anterior orde tivera un presuposto de 10 millóns de euros e vixencia para os exercicios 2017-2018

As subvencións desta orde, cofinanciada polo Fondo Social Europeo e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, están dirixidas, de maneira prioritaria, a apoiar actuacións destinadas a fomentar a inclusión social e o acceso ao mercado de traballo das persoas en situación de risco ou exclusión social, así como da poboación inmigrante.

Tamén se financiará a través desta orde as axudas centradas na cobertura das necesidades básicas, como as de aloxamento e manutención ou investimentos para a mellora de centros de inclusión e emerxencia social, entre outras propostas.

Estratexia de Inclusión Social

Esta orde enmárcase na Estratexia para a inclusión social de Galicia 2014-2020, que dá especial importancia aos procesos vinculados á integración das persoas usuarias dos servizos sociais.

Neste documento establécese, entre outras medidas, unha liña de axudas destinada ao desenvolvemento de accións de capacitación persoal para a mellora da empregabilidade das persoas en situación ou risco de exclusión.

Así mesmo, a devandita estratexia tamén recolle aspectos relacionados coa importancia do traballo de acompañamento social e co apoio que é preciso prestar para facilitar a participación das persoas destinatarias nos proxectos de inclusión sociolaboral.

11 de febreiro de 2019 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.