publicidade hoxe

Apróbase o Plan de inspección laboral 2019 que prestará especial atención ao control de horas extra, salarios e seguimento da igualdade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Alfonso Rueda na rolda de prensa do Consello da Xunta

Alfonso Rueda na rolda de prensa do Consello da Xunta

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda informou hoxe de que foi aprobado no Consello da Xunta, o Plan de inspección laboral para este 2019, que prestará especial atención ao control de horas extra, dos salarios e ao seguimento da igualdade entre homes e mulleres.

Segundo indicou Alfonso Rueda, trátase dun plan específico, ambicioso e reforzado, que se enmarca dentro da política da Xunta de utilizar todos os medios para detectar e corrixir as prácticas irregulares nesta materia, sendo o prioritario a protección dos traballadores e a calidade do emprego. As áreas de actuación do plan son a prevención de riscos laborais, emprego e relacións laborais, seguridade social e economía irregular.

No marco deste Plan, haberá un mínimo de 34.800 actuacións, un 3 % máis que en 2018, con especial atención ao sector da hostalería, ao control das horas extraordinarias, dos salarios e dos falsos autónomos, e ao seguimento da igualdade efectiva entre homes e mulleres.

Trátase dun plan que quere contribuír a garantir as condicións de traballo e mellora do emprego. A actividade da Inspección Laboral en Galicia permitiu —en 2018— transformar máis de 7.900 contratos en indefinidos, que aflorasen preto de 5.200 empregos somerxidos e que se detectasen máis de 1.700 casos de falsos autónomos.

A Administración autonómica desenvolve, ademais deste plan, un específico para a loita contra a fraude nas empresas e que permitiu nos nove primeiros meses de 2018 levar a cabo máis de 3.600 regularizacións. Os sectores en que se produciu o maior número de regularizacións foron o comercio, a industria manufactureira, a hostalaría e a educación. Esta folla de ruta específica permitiu tamén entre xaneiro e setembro do ano pasado transformar outros 3.327 contratos temporais en indefinidos.

7 de febreiro de 2019 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.