publicidade hoxe

Almuiña visita as obras de construción do novo centro de saúde de Narón, nas que a Xunta inviste 5M€

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCabanasLocal PortadaNarónPortada esquerdaValdoviño
A-
A+
Visita do conselleiro de Sanidade

Visita do conselleiro de Sanidade

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou hoxe diversas actuacións de mellora en Atención Primaria que se están a acometer en tres dos municipios da área sanitaria de Ferrol, de cara a ofrecer o mellor servizo posible á cidadanía. En concreto, o titular da carteira sanitaria visitou as obras de construción do novo centro de saúde de Narón, adxudicada pola Xunta de Galicia en 5.032.714 euros e cun prazo máximo de execución de 19 meses, e os centros de saúde de Valdoviño e Cabanas, nos que se acometeron reformas para a reorganización de espazos e melloras das instalacións.

O novo centro de saúde de Narón sitúase nunha parcela de 6.142 m2, cedida polo Concello ao Sergas. A nova infraestrutura sanitaria terá unha superficie construída de preto de 4.300 m2, o que supón un incremento de preto de 1.800 metros cadrados respecto do centro actual, infraestrutura que será cedida ao Concello para usos sociais.

O edificio, que contará cun total de 15 espazos asistencias máis que o actual centro, constará de dous andares e un semisoto nos que se distribuirán os diferentes espazos e albergará tamén o Punto de Atención Continuada (PAC). Atenderá a unha poboación de 35.000 tarxetas sanitarias no centro de saúde e preto de 45.000 no PAC.

As instalacións disporán dunha área médica de 14 consultas de medicina xeral, 12 de enfermería, 2 de farmacia, un despacho para o traballador social, unha sala de toma de mostras, 2 salas de técnicas, 4 salas polivalentes e 4 de consultas de docencia.

Na área pediátrica, haberá 4 consultas de pediatría e 3 para enfermería pediátrica. Na área da muller o proxecto contempla unha consulta para matrona, unha sala de educación sanitaria e unha consulta para o programa da muller.

Na área dedicada ás urxencias, o centro disporá de 3 consultas de medicina e 3 de enfermería, ademais de zona de recepción, dormitorios para o persoal de garda, unha sala de reanimación, sala de espera e sala de estar, aseos e vestiarios. No apartado de servizos de apoio, disporá dunha consulta de odontoloxía, unha para o hixienista, unha para fisioterapia, un ximnasio e unha sala de reunións. Na área de persoal haberá despachos para coordinación administrativa, sala de estar, arquivo e sala de xuntas.

A construción do novo centro de saúde de Narón permitirá tanto aos profesionais como aos pacientes e usuarios dispoñer dunha infraestrutura moderna e adaptada as súas necesidades, e que dará mellor respostas ás necesidades de saúde, presentes e futuras, da veciñanza deste concello pertencente á Xerencia da área sanitaria do Sergas en Ferrol.

Valdoviño

O titular da carteira sanitaria tamén cursou visita ao centro de saúde de Valdoviño, no que finalizaron recentemente as obras reforma. En concreto, as últimas actuacións consistiron na substitución da cuberta e a reparación da zona de entrada, así como a mellora da accesibilidade ao centro. Estas actuacións contaron cun orzamento total de 54.000 euros, dos que Sanidade aportou 40.000 euros e o Concello de Valdoviño 14.000 euros.

Estas intervencións veñen a sumarse ás realizadas durante os últimos meses neste centro da rede pública sanitaria de Galicia como a reorganización dos espazos do segundo andar que permitiu a reforma e ampliación da consulta para a matrona, cunha nova sala para educación maternal (que non existía); unha consulta e unha sala de estar para os profesionais. Unha actuación na que o Sergas investiu un total de 22.770 euros e que se suman aos máis de 6.000 euros investidos na creación dunha sala de extraccións con catro postos no andar baixo e a reforma do espazo destinado a admisión.

O centro de saúde de Valdoviño conta con 5.440 tarxetas sanitarias, das que 488 son de menores de 15 anos.

Cabanas

Almuiña tamén visitou as instalacións do centro de saúde de Cabanas, no que a colaboración entre institucións permitiu acometer obras de reforma, de cara a ofrecer o mellor servizo posible aos seus usuarios.

En concreto, as actuacións centráronse neste centro de saúde na reparación da cuberta e no saneamento da fachada. As obras contaron cun orzamento de 45.633 euros e foron cofinanciadas a partes iguais polo Sergas (que aportou 22.816,50 euros) e polo Concello de Cabanas (que aportou outros 22.816, 50 euros).

O centro de saúde de Cabanas comprende unha poboación de 2.367 tarxetas sanitarias.

6 de febreiro de 2019 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.