publicidade hoxe

Acto de entrega da reacreditación do Hospital do Salnés como Hospital IHAN

Entrega da reacreditación

Entrega da reacreditación

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou a importancia de continuar traballando en todo o Sergas “para conseguir un sistema sanitario máis humano para que o paciente non deixe de sentirse nunca persoa e que o noso sistema sanitario responda ás súas necesidades, coidándoo e prestándolle a mellor asistencia posible”. No acto de entrega da reacreditación do Hospital do Salnés como Hospital IHAN, Almuiña agradeceu ao equipo directivo e aos profesionais do centro o seu traballo e animounos a “manter os altos estándares de calidade que demostrades co voso bo facer, e que sirvan de exemplo e estímulo ao resto dos centros do Servizo Galego de Saúde”.

O conselleiro de Sanidade lembrou todo o esforzo realizado dende 2004, cando o hospital arousán foi recoñecido con esta distinción internacional que se outorga aos centros que cumpren cos requisitos sobre protección, promoción e apoio á lactación materna recomendados pola Organización Mundial da Saúde e Unicef. Neste senso, Almuiña destacou que “cumprides cos obxectivos que sinala esta iniciativa facilitando ás nais unha elección informada de como alimentar aos seus fillos, apoiando o inicio precoz da lactancia materna, e promovendo a lactancia materna exclusiva os primeiros seis meses”.

Así mesmo, destacou outras actuacións que se están a desenvolver no Hospital do Salnés como a vía clínica do parto, unha ferramenta de xestión e coordinación que facilita a atención á xestante, e que busca minimizar a variabilidade da práctica clínica xa que recolle as actividades do día a día na asistencia á muller antes, durante e despois do parto, e mentres dure a hospitalización e incluso os pasos a seguir para o coidado da nai e do recén nacido unha vez que estean no seu domicilio.

Tamén destacou Almuiña outras actuacións como exemplo de solidariedade e responsabilidade social que se están a desenvolver dende o sistema sanitario como os bancos de leite materno (nas EOXIS de Santiago de Compostela e de Vigo), nos que se recolle, grazas á xenerosidade de nais doantes, o leite materno que doutra forma non terían aqueles nenos e nenas que o poidan necesitar.

Humanización e calidade

O Hospital do Salnés, xunto co equipo que o dirixe e todos os seus profesionais, son conscientes de que a lactancia materna é o mellor xeito de alimentar aos meniños, recoñecendo os grandes beneficios na saúde que supoñen para a nai e o bebé. Este motivo, xunto co traballo na atención ao nacemento cos máximos niveis de humanización e calidade, foi o que motivou ao Hospital arousán a implicarse neste proxecto de reacreditación, coa participación da Unidade de Calidade da EOXI de Pontevedra e O Salnés

Durante o intensivo e longo proceso, o equipo técnico que avaliou a través de diversas auditorías de calidade a distinción de Hospital IHAN, así coma a propia Dirección do Hospital do Salnés, amosaron a súa satisfacción polo destacado traballo de equipo e procedementos clínicos e humáns que se realizan por parte dos profesionais dos diferentes servizos e unidades que interveñen no proceso de asistencia o nacemento. Así, o centro sanitario de Ande-Rubiáns continúa a ser referencia autonómica neste tipo de atencións de contrastada calidade asistencial.

19 de febreiro de 2019 | 16:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.