publicidade hoxe

Ábrese o prazo para que as entidades locais pidan axudas para a posta en marcha de iniciativas dirixidas á mocidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta de Galicia abre mañá e durante un mes o prazo para que as entidades locais presenten proxectos dirixidos á mocidade que poidan ser financiados ao abeiro da orde de axudas para o ano 2019. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta nova convocatoria que conta cun crédito total de 500.000 euros e que presenta varias novidades con respecto á anterior orde, que foi do ano 2017

Nesta nova convocatoria mantense a contía máxima de 6000 euros para as solicitudes individuais, a de 15.000 euros se a entidade ou agrupación está formada por dous concellos e de 22.000 euros se está formada por tres ou máis concellos. Pero a diferencia do que acontecía na anterior orde, na actual ábrese a posibilidade da cofinanciación dos proxectos, deste xeito o orzamento da proposta presentada poderá ser superior á contía máxima da subvención e, neste caso, será a entidade ou entidades locais as que asuman a diferenza no financiamento. Tamén se admite a compatibilidade con outras axudas, sempre que non se supere o custe do proxecto.

Ao abeiro desta convocatoria son subvencionables todos os gastos que respondan á natureza da proposta, como retribucións salariais, gastos de manutención e os ordinarios de funcionamento (sempre que estean asociados co proxecto e recollidos no orzamento de gastos) ou premios e obsequios, entre outros. Así mesmo, establécese o límite dun 40% para custos de alugueiros de espazos e equipamentos, e elimínase a restrición de subcontratar máis do 80% do custo do proxecto.

Pola contra, queda fóra da axuda a adquisición de equipamento e material inventariable, os actos fóra de Galicia e os proxectos que consistan na celebración de concertos ou festas, salvo que estas teñan unha entidade menor e se inclúan dentro dun programa de actividades máis amplo. Ademais, a orde obriga a que calquera das actividades desenvolvidas sexan de carácter gratuíto para as persoas que participen e non poderán xerarse ingresos polo pagamento de cotas, entradas ou outros de similar natureza.

Tamén se mantén a previsión do anticipo automático do 80% da axuda concedida, e nos criterios de avaliación dos proxectos concederase unha maior importancia aos parámetros de calidade e orixinalidade.

Áreas prioritarias

Ao respecto, cómpre indicar que nesta convocatoria de axudas dáse atención prioritaria ás iniciativas das entidades locais dirixidas ao fomento do emprendemento, a divulgación dos hábitos saudables e a prevención de condutas de risco ou violentas, a dinamización da información para a mocidade e a promoción de actitudes creativas e innovadoras.

Outros dos ámbitos aos que se dirixen estas axudas son iniciativas que procuren a inclusión social e laboral e a accesibilidade dos mozos e mozas, o impulso da participación e empoderamento das mulleres, a conservación e posta en valor do medio ambiente e do patrimonio natural e cultural, o desenvolvemento da dinamización do medio rural e a creación de espazos para a comunicación e as novas tecnoloxías.

1 de febreiro de 2019 | 12:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.