publicidade hoxe

A Xunta somete a información pública o proxecto de mellora e integración paisaxística do Camiño Portugués, no treito entre a rúa Escurrida e a Ponte Vella, en Santiago

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de mellora da entrada do Camiño Portugués en Santiago, no treito entre a rúa Escurrida e a Ponte Vella.

As persoas interesadas poderán presentar alegacións a este documento dende o vindeiro luns ata o día 1 de marzo. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar esta información: https://bit.ly/2S1dH5Q.

Esta actuación, enmarcada na estratexia de mellora e integración paisaxística dos Camiños de Santiago na cidade de Compostela, desenvolverase na contorna de Conxo de Abaixo.

Na rúa Escurrida mantense a sección actual e repararase o pavimento. Non obstante, a principal actuación se prevé no cruce do Camiño coas rúas Ponte da Rocha e Volta do Castro, co fin de solucionar a baixa visibilidade nesta intersección e aumentar a seguridade.

Para mellorar a seguridade nesta zona prevese unha plataforma ao nivel das beirarrúas, para facilitar o tránsito aos peregrinos e tamén dos veciños da área. A calzada elevarase respecto á actual mediante ramplas nos extremos da actuación, o que servirá para calmar o tráfico. Ademais ao sobreelevar a plataforma tamén se xerarán pequenos espazos de estancia nos que se colocará mobiliario urbano e árbores para humanizar o entorno.

Estes traballos complementan a outros que está actualmente executando a Consellería de Cultura e Turismo nesta zona de Conxo.

O Goberno galego segue avanzando nos proxectos de integración das entradas dos Camiños de Santiago nesta cidade co obxectivo de telos rematados a mediados de 2020 para aproveitar ao máximo a potencialidade do vindeiro Ano Santo de 2021.

Con esta iniciativa preténdese potenciar a excelencia na experiencia dos peregrinos, mitigada en parte na actualidade pola configuración actual dos Camiños nas á entradas ás zonas máis urbanas da cidade desde os treitos rurais, tendo en conta a presión do tráfico e a actividade empresarial.

Unha vez analizadas en detalle as entradas en Compostela das rutas xacobeas e identificadas as necesidades de mellora, decidiuse actuar no Camiño Francés, en concreto, nas zonas do Monte do Gozo, San Lázaro e os Concheiros; no Camiño Portugués, no barrio de Conxo; e no Camiño Inglés, no Polígono do Tambre e na rúa Mulas.

1 de febreiro de 2019 | 12:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.