publicidade hoxe

A Xunta somete a información pública as obras nos colectores xerais de saneamento e a nova EDAR de Foz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFozLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se somete a información pública o anteproxecto e estudo de impacto ambiental da actuación nos colectores xerais de saneamento e da nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do Concello de Foz, cun orzamento de máis de 12,2 millóns de euros.

A intervención persegue resolver a falta de capacidade de xestión en caudais e en carga do sistema de saneamento, tanto en tempo seco como en choiva, co obxectivo de dar cumprimento ao esixido pola Directiva 91/271/CEE.
Coa súa publicación hoxe no DOG se abre, a partir de mañá, o prazo de 30 días hábiles para consultar e presentar suxestión a este anteproxecto. No seguinte enlace pode consultarse a información: https://bit.ly/2TUo7kt

Esta actuación está deseñada para atender as necesidades dunha poboación de 22.342 habitantes equivalentes, dando servizo tanto aos residentes como á poboación estacional, que en época estival case triplica á poboación fixa deste concello lucense, e que se estima pode crecer en 13.809 habitantes, entre ocupación de prazas hoteleiras e segundas residencias.

Máis en detalle, as obras proxectadas por Augas de Galicia consisten na execución dunha nova EDAR nunha zona próxima ao polígono industrial de Caldouceiro con capacidade suficiente para o tratamento dos caudais xerados. Ademais realízanse unha serie de intervencións na rede de saneamento que permitan o transporte ata a nova localización da EDAR e o vertido ao medio tras o seu tratamento. Rematada a nova EDAR, e unha vez entre en servizo, procederase á demolición de estación existente.

O anteproxecto que se somete a información pública inclúe distintos elementos, como un tanque de tormentas, de 1.000 m3 de capacidade de retención, situado no punto baixo da conca principal, xunta á antiga EDAR de Foz, así como a modificación dos actuais bombeos para ampliar o seu caudal e capacidade.

Tamén prevé conducións de impulsión e colectores por gravidade, mantendo a rede de colectores por gravidade que leva os afluentes residuais á EDAR actual, pero complementando a rede en distintos tramos para facer chegar a auga residual á nova estación depuradora. Na nova EDAR se realizará o bombeo de cabeceira na Avenida de Viveiro.

Esta actuación hidráulica da Xunta está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

21 de febreiro de 2019 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.