publicidade hoxe

A Xunta solta en Carnota 575 xuvenís de lumbrigante para contribuír a aumentar a poboación da especie

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarnotaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+
Solta de xuvenís de lumbrigante en Carnota

Solta de xuvenís de lumbrigante en Carnota

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar, Susana Rodríguez, participou hoxe na solta de 575 exemplares de xuvenís de lumbrigante que realizou esta mañá o alumnado do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) na Praia do Mar de Lira, no concello de Carnota. Unha acción coa que a Xunta busca contribuír a mellorar a poboación da especie na Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Os Miñarzos así como estudar o seu crecemento e outros aspectos da súa bioloxía.

O Igafa vén realizando este tipo de soltas desde o 2012, nas que a Consellería do Mar xa leva incorporado ao medio mariño case 4.800 exemplares de lumbrigante, a maioría na costa de Lira.

Os individuos liberados deste crustáceo, duns 6 centímetros de lonxitude, foron cultivados polos alumnos e as alumnas do Igafa nas súas prácticas de estudo mentres que os seus proxenitores son salvaxes e proceden das rías galegas. Todos eles levan inserida unha marca microscópica cun código gravado que permite a súa localización cos detectores especiais que están distribuídos nas lonxas da zona.

No traslado dos exemplares desde o Igafa ata a praia de Lira participaron efectivos do Servizo de Gardacostas de Galicia mentres que ao seguimento e recompilación de información dos lumbrigantes recapturados incorpórase este ano persoal da Unidade Técnica da Pesca de Baixura.

Esta é unha mostra máis do importante traballo de cultivo de especies realizado polo profesorado e o alumnado do Igafa, centro referente en España na formación de acuicultura e mergullo. Un labor que contribúe ao compromiso da Xunta coa comunidade galega, co seu mar e cos seus traballadores e que inclúe o de coidar os ecosistemas e os seus recursos.

As soltas

As soltas para a repoboación de especies mariñas comezaron a realizarse no marco do Plan de repoboación de especies mariñas que se realizou en Galicia, que tivo a súa orixe no ano 2000 e que se impulsou no ano 2005 a través de varias accións de investigación, nas que participaron o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e o propio Igafa.

Desde o ano 2012 as soltas realízanse a través do alumnado do Igafa, que liberan os exemplares cultivados nas súas prácticas de estudo. Estes individuos adoitan acadar a talla comercial cando chegan aos catro anos e medio de idade aproximadamente.

21 de febreiro de 2019 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.