publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta presenta en Madrid a súa experiencia en Compra Pública Innovadora

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá nunha mesa redonda sobre “Solucións creativas para dar resposta regulatoria á innovación”, no marco da xornada “Regular o futuro: Sandbox e outras ferramentas para probar e escalar políticas públicas” organizada pola Fundación Cotec. Na súa intervención, a directora da Gain expuxo a experiencia da Xunta no emprego da Compra Pública Innovadora (CPI), unha modalidade de contratación novidosa na que Galicia é pioneira, para o desenvolvemento dun polo de referencia internacional arredor dos vehículos non tripulados (UAVs) en Galicia.

Patricia Argerey explicou como baseándose na CPI e focalizándoa nun sector con potencial de futuro como o dos UAVs, a Xunta está a impulsar a creación dun polo de referencia internacional arredor dos vehículos non tripulados en Galicia, contando co apoio de empresas tractoras ao tempo que se lle dá protagonismo ao tecido empresarial galego. De feito, esta iniciativa, que está a mobilizar 164 millóns de euros en fondos público-privados, implica xa a máis de 50 axentes, entre empresas e centros de coñecemento e está previsto que dea emprego a case 500 persoas ata 2020.

Argerey informou das vantaxes desta ferramenta de contratación para Administración e para as empresas licitadoras. Apuntou, entre outras, que achega flexibilidade, na medida en que introduce a posibilidade de realizar modificacións nos proxectos a medida que se van desenvolvendo; é un instrumento idóneo para que empreguen os departamentos da Administración non vencellados á innovación co obxectivo de mellorar os servizos que prestan e, deste xeito, promove un cambio de cultura na Administración; permite compartir os beneficios e os riscos inherentes á innovación entre Administración e empresas; actúa como lanzadeira de tecnoloxías disrutivas suxeitas a incerteza técnica, regulatoria ou social; e a Administración é o primeiro comprador dunha tecnoloxía, xa que as empresas buscan mercados para os seus produtos.

Finalmente, Patricia Argerey informou dalgúns fitos acadados con esta iniciativa como a implicación de todo o Goberno da Xunta, o impacto autonómico acadado ou o Premio Nacional de Innovación logrado en 2016 na categoría de CPI. Ademais, está permitindo consolidar en Galicia un segmento de mercado, o dos UAVs, con potencial de futuro para posicionarse á vangarda e dar resposta ás necesidades dos cidadáns, mellorar a prestación de servizos públicos en ámbitos estratéxicos usando tecnoloxía baseada en UAVs e desenvolver dun xeito sistemático a CPI en Galicia como fórmula de apoio público á innovación, impulsando un cambio innovador na Administración.

18 de febreiro de 2019 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.