publicidade hoxe

A Xunta investiu 117 millóns de euros ás políticas sociais desenvolvidas na provincia de Lugo no 2018

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoLugo
A-
A+

A Xunta de Galicia destinou 117 millóns de euros ás políticas sociais desenvolvidas na provincia de Lugo durante o pasado ano, investimentos que amosan “o compromiso do Goberno galego cos nosos maiores, coas persoas en situación de dependencia, coas familias, menores e mozos, cos colectivos máis vulnerables e, en xeral, con calquera persoa que precise do apoio de servizos específicos para atender ás súas necesidades”.

Así o expuxo hoxe o delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, durante unha rolda de prensa na que fixo balance do esforzo inversor da Xunta en materia social, un esforzo continuado que se traduciu, segundo afirmou, “nun notable incremento dos recursos dende o ano 2009”. En concreto, incrementáronse en máis do dobre as prazas en escolas infantís, nun 35% as prazas sostidas con fondos públicos en residencias de maiores, e nun 7,5% as horas do Servizo de Axuda no Fogar para persoas en situación de dependencia.

Balseiro engadiu que neste momento benefícianse de forma directa dos distintos programas da Consellería de Política Social máis de 26.000 lucenses, “veciñas e veciños da nosa provincia que ocuparon unha praza, recibiron un servizo ou prestación ou fixeron uso dos instrumentos e recursos de apoio social da Xunta”.

Neste sentido, explicou os grandes conceptos de gasto social: En atención ás persoas maiores ou en situación de dependencia (62,5 millóns de euros), prestacións asistenciais e de inclusión social (36,8 millóns de euros), familia, infancia e dinamización demográfica (17,1 millóns de euros), e Xuventude (1,1 millóns de euros).

Novos servizos

Polo que respecta á posta en marcha de novos servizos, José Manuel Balseiro lembrou que recentemente iniciaron a súa actividade as residencias de maiores de Cervo e Paradela e proximamente abrirán tamén as de Foz e Baleira. Ademais, está en licitación o proxecto dun novo centro en Lugo, no barrio da Residencia, e a Consellería de Política Social ven de autorizar cinco Casas do Maior.

En relación a esta iniciativa, o delegado explicou que se porán en marcha dúas nas Nogais e as outras en Cervantes, Portomarín e O Páramo. Trátase dun recurso gratuíto para os maiores nos concellos de menos de 5.000 habitantes, que ofrecerán atención personalizada a maiores de 60 anos que se atopen en situación de dependencia moderada ou severa (graos I e II).

Está baseado na exitosa experiencia das Casas Niño, un recurso gratuíto para o coidado de nenos e nenas no rural. Ao respecto, cabe sinalar que neste momento funcionan 13 na provincia e vanse a incorporar outras tres, no Páramo, Rábade e Triacastela.

Balseiro sinalou que tamén este último ano a Xunta creou o Bono Autonomía en Residencia que consiste nunha axuda directa para as persoas que teñan recoñecido algún grao de dependencia e estean á espera de acceder a unha residencia pública para que paguen a estancia noutro centro mentres esperan.

“Son novos servizos que complementan avances conseguidos nos últimos dez anos, como a expansión do programa Xantar na casa, que leva o menú aos maiores, ou o incremento da cobertura do servizo de axuda no fogar”, aseverou.

Balseiro asegurou que a Xunta é “a administración que máis aposta en Lugo polo sostemento e mellora dos servizos sociais e, para que poidamos facernos unha mellor imaxe do que esta cifra representa, sinalar que os 117 millóns de euros superan o orzamento total tanto do Concello de Lugo como da Deputación Provincial”.

25 de febreiro de 2019 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.