publicidade hoxe

A Xunta entrega material e equipamento de emerxencias a outros sete concellos da provincia de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo; e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, fixeron entrega esta mañá de material e equipamento de emerxencias a Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e GES de 7 concellos da provincia de Lugo.

Os beneficiarios desta entrega foron os concellos de Xove, Lourenzá, Viveiro, Ribadeo, Xermade, A Pontenova e Cervo. En total, recibiron dúas pick-up, tres remolques, un furgón e unha moto de auga.

Súmanse así aos outros cinco concellos da provincia que recibiron material a finais do mes pasado: Cervantes, Negueira de Muñiz, Meira, Becerreá e Quiroga. Nesa ocasión, a Xunta fixo entrega doutras dúas pick-up, un remolque e dous furgóns.

Estas entregas forman parte do investimento histórico que está a realizar a Xunta nos últimos anos en equipamento de emerxencias para os concellos galegos, e que xa acada os 10,5 millóns de euros. Ademais da cesión de material, a Xunta mantén un compromiso activo co mantemento e financiamento dos servizos de emerxencias, como se demostra a través de exemplos como convenio dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal, aos que destinará 13,7 millóns de euros.

Este apoio vén a recoñecer tamén o labor esencial que realizan os voluntarios e voluntarias, así como os profesionais que traballan na prevención e atención ás emerxencias e contribúen así á seguridade de toda a cidadanía.

7 de febreiro de 2019 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.