publicidade hoxe

A Xunta destina 3,9M€ en axudas para apoiar os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios na provincia de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMonterreiOurense
A-
A+
Marisol Díaz na visita a Conservas do Támega

Marisol Díaz na visita a Conservas do Támega

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, vén de destinar para a provincia de Ourense 3.898.819 euros en axudas directas para investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios. Un total de 14 empresas ourensás beneficiaranse destas subvencións que contribuirán a execución de proxectos de creación, ampliación e modernización das súas instalacións que supoñen un investimento total de máis de 12 millóns de euros, en concreto 12.076.195 euros.

Das 14 industrias da provincia beneficiadas destes apoios, que son cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento rural (Feader), cinco son cárnicas, tres dedícanse á produción de castañas, dúas á de patacas, outras dúas á mel, unha ao aceite e , por último, unha a pensos.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada do alcalde do concello de Monterrei, José Luis Suárez Martínez e do xefe territorial de Medio Rural, Yago Borrajo, visitou ‘Conservas do Támega’ emprazada neste municipio ourensán. Esta empresa dedicada á transformación e envasado de produtos de horta e froitos é unha das beneficiarias das axudas de transformación e comercialización de produtos agroalimentarios nestes últimos anos. Ten recibido da Consellería de Medio Rural unha achega de 215.200 euros para a súa mellora tecnolóxica e modernización que lle permite o almacenamento duns 16.000 quilos de materia prima a temperatura ambiente o refrixerada, labores de selección, limpeza e preparación dos froitos e produtos, para despois sometelos aos procesos de cocción, asado ou tratamento térmico para proceder ao envasado, esterilización e posterior etiquetaxe para a súa venda e distribución.

Esta industria comezou a súa actividade coa elaboración de conservas de produtos hortofrutícolas moi diversos (pementos, tomates, marmelo, peras, mazás, castañas, cereixas, laranxas, arandos, uvas, framboesas, etc…) de maneira artesanal tales como asados, precociñados ou marmeladas. En 2013 trasládase a unhas novas instalacións que, xunto coa ampliación e modernización dos equipamentos un ano máis tarde, permiten incrementar a súa produción catalogada nun 89% como ecolóxica e un 11% tradicional. Canto á procedencia das materias primas procesadas o 70% é galega.

13 de febreiro de 2019 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.