publicidade hoxe

A Xunta destaca o investimento de 3,7 millóns de euros na estrada PO-552, entre Vigo e A Ramallosa, para incrementar a seguridade viaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPortada esquerdaVigo
A-
A+

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, destacou hoxe un investimento de 3,7 millóns de euros na estrada PO-552, entre Vigo e A Ramallosa, co fin de incrementar a seguridade viaria e mellorar a integración nas parroquias polas que discorre.

Francisco Menéndez precisou que para a eliminación dos treitos de concentración de accidentes nesta estrada se van construír 7 rotondas, mellorar 20 interseccións e accesos e protexer 22 pasos de peóns, xa que hai varios treitos urbanos, con presenza continua de persoas transitando ao carón da vía.

Neste proxecto contémplanse tramos obxectos de actuacións como os comprendidos entre os pp. qq 1+100 a 5+600, entre a intersección coas estradas da Matamá e Muíños e á entrada de San Miguel de Oia; dende o 10+600 ao 13+800, nos Concellos de Baiona e Nigrán; ou do 6+500 ao 7+800, na zona das Rexas.

O director da AXI indicou que estas obras de mellora se levarán a cabo entre mediados deste ano e comezos do vindeiro exercicio, cando se prevé que estean finalizadas.

Lembrou que a Xunta, no marco do Plan de Sendas de Galicia, tamén ten actuado nesta estrada mediante a construción de 2,3 novos km de itinerarios peonís e ciclistas entre Coruxo e Roteas, na Estea ou en Priegue, xa a disposición dos veciños das parroquias de Coruxo e Saiáns en Vigo, e de Priegue, en Nigrán.

Ademais avanzou que o Goberno galego, a través do Plan de Reforzos de Firme, ten previstas actuacións de mellora nesta estrada. En concreto, a Xunta licitará este ano un contrato de reforzos de firme en varias estradas, entre elas a PO-552, cun investimento de máis de 829.000 euros.

7 de febreiro de 2019 | 16:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.