publicidade hoxe

A Xunta dá luz verde ao Centro Galego de Innovación e FP en Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurensePortada esquerda
A-
A+
O presidente galego en rolda de prensa

O presidente galego en rolda de prensa

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a decisión de crear o Centro Galego de Innovación e FP en Ourense que contará cun investimento total de 9,9M€. Será, dixo, un motor de innovación, creatividade e talento para o alumnado e profesorado da ensinanza FP que impulsará o desenvolvemento industrial, incorporando novas tecnoloxías e dotando ao tecido produtivo de capital humano cualificado.

En concreto, o centro impulsará proxectos de innovación aplicada, novas contornas visuais de simulación, a xeración de proxectos empresariais e a transferencia aplicada de patentes.

En canto ao seu emprazamento na cidade das Burgas, o mandatario galego explicou que Ourense asume este proxecto pioneiro logo de que a Deputación se ofrecera a cubrir o baleiro deixado tras a renuncia da nova dirección da Zona Franca de Vigo. “Un exemplo de colaboración entre institucións”, abundou.

Segundo indicou o titular do Goberno galego, o centro, situado na antiga Escola Fogar Mariñamansa, articularase a través dun protocolo de colaboración entre dúas consellerías, a de Educación e a de Economía, e a Deputación de Ourense. Esta última administración asumirá un custo de 5M€ para as obras e o equipamento, mentres que a Consellería de Economía achegará 1,5M€ para o desenvolvemento de proxectos e a adquisición de novos equipamentos de tecnoloxía avanzada. Pola súa banda, a Consellería de Educación farase cargo do proxecto construtivo da obra de remodelación e dos gastos de funcionamento e persoal de 3,4 millóns de euros.

21 de febreiro de 2019 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.