publicidade hoxe

A Xunta colabora co XII Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso, que levará concertos a Ourense, Leiro e Allariz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAllarizCalendarioLeiroLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+

Un total de sete concertos a cargo de recoñecidas formacións no ámbito da música culta integran o programa da duodécima edición do Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso, que se celebrará na cidade de Ourense, en Leiro e en Allariz entre os vindeiros días 15 e 24 de marzo. A Xunta de Galicia apoia un ano máis este evento, a través do que se promove a actuación na nosa Comunidade de primeiras figuras da interpretación galegas e de fóra de Galicia.

A carteleira completa do festival, un encontro que organiza a asociación Pórtico Musical, foi presentada hoxe en Ourense coa participación dos seus artífices e das institucións colaboradoras: a Deputación Provincial, o Concello de Ourense e a Consellería de Cultura e Turismo a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

A celebración dos recitais en espazos de especial interese arquitectónico e patrimonial é un dos sinais de identidade do Pórtico do Paraíso. Así, a catedral de San Martiño de Ourense acollerá a inauguración do festival o 15 de marzo co grupo vocal italiano Odhecaton como protagonista.

O programa deste ano na capital ourensá inclúe as actuacións de La Lyra e Pino de Vittorio (Suíza-Italia) na igrexa de Santa María Nai, o quinteto Apollo5 (Reino Unido) o venres 22 na igrexa de Santiago de Caldas, o cuarteto de clarinetes Vienna Clarinet Connection (Austria) o día 24 no Teatro Principal e os percusionistas galegos de Mbira-Dúo o mércores 20, de novo en Santa María Nai.

O festival esténdese este ano por terceira vez a outros concellos e templos da provincia, como son neste caso a igrexa do mosteiro de San Clodio, en Leiro, onde o grupo instrumental valisoletano Los Músicos de Urueña actuará o sábado 16; e a igrexa de Santa Mariña de Augas Santas, en Allariz, que contará cun concerto de La Reverdie (Italia) o sábado 23.

En canto ás actividades paralelas, o Conservatorio Profesional de Música de Ourense ofrecerá un encontro sobre percusión entre o alumnado e os integrantes de Mbira-Dúo.

7 de febreiro de 2019 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.