publicidade hoxe

A Xunta agradece o labor que levan a cabo os psicólogos e psicólogas coas vítimas da violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella sinalou hoxe o recoñecemento ao traballo dos psicólogos e das psicólogas coas vítimas da violencia de xénero, na clausura da Xornada “Tempo de Psicoloxía”, que tivo lugar na Facultade compostelana de Psicoloxía.

Susana López Abella, que participou na clausura xunto ao reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, a decana da Facultade de Psicoloxía Lourdes Mirón e a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Rosa Álvarez, explicou os programas de atención psicolóxica que ten en marcha a Xunta en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

O programa de atención psicolóxica a mulleres que sufran violencia de xénero, para os e as menores, e para outras persoa dependentes que vivan ou padezan estas situacións de violencia de xénero ten como finalidade ofertarlles recursos terapéuticos que lles axuden a afrontar a situación que sufriron e a reforzar a súa autoestima, ademais de ser un apoio na recuperación ou adquisición de habilidades que lles permitan lograr a autonomía e a integración na vida social e laboral, e complementariamente a menores e outras persoas dependentes delas que teñan pasado pola mesma situación. Conta cunha psicóloga coordinadora e unha rede de profesionais que levan a cabo a súa intervención en toda a Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, préstase un servizo telefónico de asesoramento e derivación para a atención terapéutica personalizada.

No 2018 incrementouse o importe do convenio á partida destinada á atención psicolóxica de menores, reforzando así o apoio e asistencia a fillos e fillas das mulleres vítimas da violencia de xénero, vítimas directas tamén desta violencia, grazas ao Pacto de Estado en materia de Violencia de Xénero.

Está en marcha tamén o programa Abramos o círculo que é un programa de atención psicolóxica especializada e de apoio dirixido a homes que adoptan actitudes inadecuadas nas relacións coa súa parella, coa súa familia, e que desexan adquirir novos modos de comportamentos exentos de agresividade.

O programa ofrece dúas áreas de intervención: información e atención, e intervención psicolóxica personalizada. Conta cunha psicólogo/a coordinador/a e cunha rede de profesionais que levan a cabo a intervención profesional e inclúe a garantía de acceso ás persoas con discapacidade auditiva e/ou da fala.

Finalmente, López Abella lembrou que no mes de novembro foi asinado outro convenio entre Xunta e Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia para a posta en marcha dun servizo de quenda permanente de garda psicolóxica especializada e permanente para mulleres e os seus fillos e fillas menores, que sofren violencia de xénero na nosa comunidade. Coa posta en marcha deste servizo pioneiro en España, as persoas que o precisen, tanto as vítimas como os seus fillos e fillas contarán cunha atención inmediata para as posibles situacións de urxencia, e prestarase a requirimento das forzas e corpos de seguridade, naqueles casos nos que se cumpran os criterios para a activación deste servizo, que poderá prestarse as 24 horas do día, os 365 días do ano en todos os partidos xudiciais da CCAA de Galicia.

21 de febreiro de 2019 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.