publicidade hoxe

A Xunta achega 3,5 millóns de euros para a promoción dos produtos de calidade diferenciada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Axencia Galega da Calidade Agroalimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, achega máis de 3,5 millóns de euros para actividades de información e promoción realizadas por grupos de produtores no mercado interior. O orzamento divídese en 1.955.000 euros para 2019 e 1.600.000 euros para a anualidade de 2020 e está cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de subvencións que indica que os beneficiarios destas axudas poden ser calquera agrupación que reúna a produtores amparados por un réxime de calidade. As actividades subvencionables serán todas aquelas que pretendan dar a coñecer un produto cun selo de calidade e fomentar o seu consumo. Estas actividades deberán resaltar as características ou as vantaxes específicas destes alimentos tales como a calidade, os métodos específicos utilizados na súa produción ou as estritas normas aplicadas para garantir o benestar dos animais e o respecto do ambiente vinculadas ao programa de calidade de que se trate.

Deste xeito, entre os gastos subvencionables inclúense a organización ou participación en feiras e exposicións, actividades de relacións públicas e publicidade nos medios de comunicación ou puntos de venta, seguindo sempre as indicacións establecidas na orde. Tamén serán obxecto de subvención os estudos de mercado relacionados directamente con campañas de promoción e os de avaliación do seu impacto sobre os consumidores. As axudas poderán chegar ata o 70% do gasto subvencionable.

As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por vía electrónica cun formulario específico dirixido á Agacal e que acompaña esta orde. O prazo de presentación é dun mes a contar dende mañá.

6 de febreiro de 2019 | 16:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.