publicidade hoxe

A Xunta abre unha nova unidade na escola infantil da rede A Galiña Azul na Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA LarachaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social, Perfecto Rodríguez Muíños, acompañado polo alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, visitou esta mañá a escola infantil da rede autonómica A Galiña Azul nese concello, na que a Xunta de Galicia ven de abrir unha nova unidade, co que pasará de 6 a 7.

A apertura da nova unidade permite que neste curso 2018-2019 se cubra o incremento de solicitudes e que o centro supere por primeira vez os 80 alumnos matriculados. Esta cifra inclúe aos que se incorporan neste mes de febreiro, logo do procedemento extraordinario de matrícula que se abre todos os anos nas escolas da rede.

A escola infantil da Galiña Azul na Laracha é o recurso para a conciliación dos pais e nais de nenos de 0 a 3 anos con maior oferta de prazas neste municipio coruñés. A Laracha supera taxa óptima de cobertura recomendada pola Unión Europea (33%), xa que na actualidade excede o 47%. A escola infantil presta tamén servizo a nenas e nenos doutros concellos da zona.

Máis de 340 novos alumnos na rede

Ademais da apertura na escola infantil da Laracha, a Administración galega abriu tamén neste mes de febreiro unha nova unidade nas escolas que xestiona o Consorcio noutros oito concellos: Cerdedo-Cotobade, Vila de Cruces, Mondoñedo, Narón, Ourense (Centro Interxeracional), A Merca, A Estrada e Oza-Cesuras. Isto supón a incorporación ao conxunto da rede autonómica de máis de 340 novos alumnos.

Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia xa puxera en funcionamento no inicio deste curso 2018-2019, cinco novas escolas infantís (Mos-A Veigadaña, A Estrada, Santiago-Castiñeiriño, Lugo e Ourense-Centro Interxeracional), o que se traduciu nun incremento de 402 prazas na oferta da rede A Galiña Azul, de tal xeito que esta pasou de 9.811 prazas no curso 2017-2018, a 10.289, no curso actual.

13 de febreiro de 2019 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.