publicidade hoxe

A Rede Galega de Teatros e auditorios acolle a estrea en Santiago do novo espectáculo de Excéntricas

Carpe Diem, o novo espectáculo da compañía galega Producións Teatráis Excéntricas, estréase o vindeiro mércores 27 no Teatro Principal de Santiago, onde poderá verse ata o venres 1 de marzo dentro da programación que ofrece este espazo como integrante da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Esta é unhas das 10 montaxes que se presentan este semestre diante do público compostelán a través deste circuíto da Xunta de Galicia, cofinanciado entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e as entidades xestoras dos 40 espazos asociados.

Ademais, no caso de Carpe Diem, trátase da estrea dunha das 30 propostas beneficiarias en 2018 da convocatoria de axudas da Agadic á produción escénica, mediante a que a Consellería de Cultura e Turismo contribuíu a esta posta en escena cuns 36.600 euros.

Jacobo Sutil, director da Agadic, incidiu hoxe nestes datos durante a presentación da estrea na que tamén interviñeron a tenente de alcalde de Santiago, María Rozas, o director Quico Cadaval e parte do equipo do espectáculo, que interpretan Víctor Mosqueira, María Costas, Marcos Vieitez e, a cargo da música en directo, Mon Orencio alias Mr. Cool.

Primeira adaptación de Rubem Fonseca en Galicia

En Carpe Diem, Producións Teatráis Excéntricas leva ás táboas, por primeira vez en Galicia, unha obra do autor e cineasta brasileiro Rubem Fonseca, considerado o meirande escritor vivo en lingua portuguesa. Premio Camões, Fonseca estendeu o seu talento sobre o xénero policial que, a pesar de ser considerado literatura de consumo, no seu caso brilla á hora de ofrecer unha visión distante e sen piedade da condición humana.

A adaptación deste relato combina o cinismo, a intriga e o ritmo característicos do seu autor nunha historia que arranca a modo de anécdota cinematográfica: unha muller e un home coñécense nunha previsible festa de fin de ano e comezan unha relación adúltera.

As venda anticipada de entradas para as súas tres funcións en Compostela, todas elas programadas ás 20,30 h., está operativa na web Compostela Cultura. A continuación, o espectáculo iniciará o seu percorrido polos escenarios galegos, dentro do que xa ten confirmadas representacións o 31 de marzo no Cine Elma da Pobra do Caramiñal, o 7 de abril no Teatro Principal de Ourense, o 3 de maio no Auditorio Municipal da Illa de Arousa e o 9 de xuño na Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada.

Tanto a cita de Ourense como a de Sada insírense igualmente na programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios para o primeiro semestre de 2019, que lles achegará aos espectadores de 38 concellos de toda Galicia 349 actuacións de teatro, danza, música, maxia e circo de 115 formacións artísticas, un 90% delas galegas.

25 de febreiro de 2019 | 19:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.