publicidade hoxe

A Rede de Dinamización Lingüística celebra o Día Internacional da Lingua Materna en Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+

A Rede de Dinamización Lingüística (RDL) escolleu este ano o concello de Ourense para a celebración do Día Internacional da Lingua Materna, efeméride promovida pola Unesco e apoiada cada ano pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura e Turismo. Na Escola Infantil de Ourense Centro Interxeracional, dependente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social, deuse cita o secretario xeral de Política Lingüística e presidente da RDL, Valentín García, cos máis dos/as 80 bebés e familias usuarias do centro anfitrión.

Valentín García quixo lembrar na súa intervención as vantaxes e a importancia de falarlles o galego nas casas, e no seo das familias, aos nenos e nenas e recordar que “no Plan de dinamización da lingua galega na mocidade que estamos elaborando na Xunta facemos fincapé en medidas de apoio aos pais e nais novos, con bebés, para que transmitan a lingua propia de Galicia ás novas xeracións”.

Tras o breve acto institucional en que se produciron estas declaracións, os bebés usuarios do centro puideron gozar dunha breve actividade de dinamización lingüística baseada nas músicas da actividade infantil de dinamización lingüística Puño Puñete, a cargo de Andrea Bayer e Davide González, de Baobab Teatro.

Día internacional da lingua materna

O Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO en novembro de 1999 e celébrase anualmente desde o 21 de febreiro de 2000 cos obxectivos de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural.

A Xunta de Galicia vén sumándose a esta conmemoración desde o 2011 e a RDL incorporouse a ela dous anos despois, tras a súa creación, contextualizándoa na nosa comunidade, orientándoa á promoción e transmisión da lingua galega e celebrando cada ano un acto institucional en colaboración cun dos seus concellos adscritos (nesta ocasión, o concello de Ourense). O Portal da Lingua Galega www.lingua.gal ofrece, ademais, información e recursos sobre o Día Internacional da Lingua Materna 2019.

As linguas como factor de desenvolvemento e paz

Cada ano, a Unesco escolle un tema arredor do que xira a conmemoración do Día Internacional da Lingua Materna. O 2019 é o Ano Internacional das Linguas Indíxenas, polo que este Día Internacional da Lingua Materna está dedicado a elas en tanto factor de desenvolvemento, paz e reconciliación.

A Unesco, a través dunha mensaxe da súa directora xeral, Audrey Azoulay, insiste en que todas e cada unha das linguas do mundo “son esenciais para construír a paz” e o correcto desenvolvemento da lingua materna na infancia é fundamental para garantir as competencias que alicerzan o crecemento persoal, sen esquecer que “a lingua materna é unha expresión singular da nosa diversidade creadora, unha identidade e unha fonte de coñecemento e innovación”. Por iso advirte de que “para a Unesco, cada lingua materna merece ser máis coñecida, recoñecida e valorada en todas as esferas da vida pública”.

21 de febreiro de 2019 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.