publicidade hoxe

A programación do CGAI esténdese a catro cidades coa adhesión de Pontevedra á súa rede de colaboración cos cineclubs

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoOurensePontevedraPortada esquerdaVigo
A-
A+

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia disporá en Pontevedra dunha nova sede para a súa programación, que contará así con extensións en catro cidades, ademais da Coruña, onde está situada a cinemateca da Xunta. Esta rede de colaboración articúlase a través de cadanseu convenio entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e os cineclubs de Lugo, Pontevedra, Ourense e Vigo.

Os devanditos documentos foron asinados hoxe polo director da Agadic, Jacobo Sutil, e os presidentes destas catro asociacións: María Antonina Gay Parga, do Club Cultural Valle-Inclán; Manuel Precedo Barbeito, do Cineclube Padre Feijoo de Ourense; Ramón Poza Magdalena, do Cine Club Pontevedra, e Xoán Manuel Novegil González-Anleo, do Cineclube Lumière de Vigo.

A través destes acordos, faise efectiva a descentralización da programación do CGAI fóra da súa sede da Coruña, de xeito que os catro cineclubs ofreceranlle ao seu público unha escolma de títulos seleccionados polo persoal da filmoteca galega e que, cando menos nun 25%, responderá ás suxestións de cada unha das devanditas asociacións.

A Agadic, como entidade á que está adscrito o Centro Galego de Artes da Imaxe, asume a adquisición dos dereitos de emisión das producións, así como os gastos dos traslados e, de ser o caso, os custos de comisariados dos programas proxectados. Con tal fin, achega un máximo de 50.000 euros a esta rede de colaboración, repartidos a partes iguais entre os catro acordos.

Estas extensións do CGAI insírense na liña de apoio da Consellería de Cultura e Turismo ao labor de difusión cinematográfica de e creación de novos públicos que desenvolven diferentes entidades no ámbito local e autonómico. Este é tamén o caso da ampla programación anual de ciclos e semanas de cine que a Federación de Cineclubes de Galicia (Feciga) lles achega ás súas entidades asociadas a través do acordo de colaboración asinado coa Axencia Galega das Industrias Culturais.

25 de febreiro de 2019 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.