publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Gain convida a emprendedores e startups a desenvolver as súas iniciativas innovadoras na nova aceleradora aeroespacial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
A Xunta convida a emprendedores e startups a desenvolver as súas iniciativas na aceleradora aeroespacial

A Xunta convida a emprendedores e startups a desenvolver as súas iniciativas na aceleradora aeroespacial

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, animou esta mañá en Santiago a emprendedores e startups a sumarse ao polo aeroespacial de Galicia participando na nova aceleradora Business Factory Auto (BFAero), o programa de apoio ao emprendemento innovador neste sector que prevé o maior investimento en Europa. Argerey destacou que deste xeito se busca completar a cadea de valor do sector en Galicia, gañar tamaño e continuar posicionando a Comunidade no escenario internacional cun sector de alto compoñente tecnolóxico e gran potencial de futuro.

Na xornada de presentación desta aceleradora celebrada en Santiago, na que participaron arredor de 70 representantes de empresas, universidades, centros de coñecemento e outras entidades, informouse de que se poden presentar proxectos ata o 28 de febreiro. A BFAero inclúe dous itinerarios: un de incubación e outro de aceleración, para os que se dispón de tres prazas en cada un.

A convocatoria está dirixida a todo o ecosistema de innovación a nivel internacional -universidades, centros tecnolóxicos, empresas e emprendedores- e está dotada cun orzamento público-privado de 4,75 millóns de euros, coa previsión de apoiar a través de tres convocatorias 19 proxectos e empresas que xeren máis de 60 empregos directos en Galicia.

A aceleradora, que se enmarca na Civil UAVs Initiative, está promovida pola Xunta, a través do Igape, Gain e Xesgalicia, polas empresas Indra e Babcock e o centro tecnolóxico da automoción CTAG, xestionada pola Fundación CEL e apoiada por diferentes entidades colaboradoras representadas polo Consorcio Aeronáutico Galego.

Ademais de financiamento, BFAero ofrece acceso a infraestruturas especializadas, asesoramento individualizado con mentores profesionais activos do sector, asesoramento tecnolóxico e acceso a potenciais clientes de ámbito internacional.

As áreas temáticas prioritarias, nas que Galicia posúe talento investigador, técnico e empresarial, son o deseño e produción de vehículos non tripulados, a automatización de operacións de aeronavegabilidade ou de navegabilidade ou a captura, procesamento e explotación de datos, entre outras.

A aceleradora BFAero inscríbese no programa de emprendemento innovador do polo aeroespacial de Galicia, que ten por obxectivo fortalecer o apoio ao talento emprendedor impulsando a creación de empresas nun sector de alto valor engadido estratéxico para a Comunidade; baseado no coñecemento e aliñado coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3). Dentro deste programa está prevista tamén a creación dun Centro de Emprendemento en Lugo dedicado integramente ao sector aeroespacial, futura sede da Business Factory Aero.

Así mesmo, vén sumarse ás iniciativas de StartIN Galicia, a rede galega de aceleradora que agrupa toda a oferta de apoios que a Consellería de Economía, Emprego e Industria pon a disposición das startups para o seu establecemento en Galicia e o fomento do seu fortalecemento e competitividade internacional.

7 de febreiro de 2019 | 16:33 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario