publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Consellería do Mar constrúe 122 novas prazas de amarre para embarcacións mexilloeiras no porto do Xufre, na Illa de Arousa

A Consellería do Mar vén de iniciar as obras de construción dos pantaláns para embarcacións mexilloeiras no porto do Xufre, no municipio pontevedrés da Illa de Arousa. Así o comprobou esta mañá a titular do departamento autonómico, Rosa Quintana, nunha visita á zona.

A conselleira do Mar, que estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, lembrou que esta dotación foi adxudicada por un orzamento de 3,4 millóns de euros, que dará resposta a unha demanda histórica dos profesionais arousáns. A fin de obra está prevista para o último trimestre do ano e unha vez rematados os traballos, os pantaláns entrarán en servizo de xeito inmediato.

As obras consisten na construción de 750 metros lineais de amarre. Esta superficie permitirá habilitar 122 novas prazas de amarre para embarcacións con esloras de entre 14 e 22 metros. Con esta infraestrutura a Xunta atende á demanda actual de prazas destas características, segundo se consensuou previamente co sector.

Investimento global de 10 millóns

A dotación de novas prazas para bateeiros vén a completar a realizada en 2017 para a creación de máis de 300 prazas de amarre para embarcacións pesqueiras, que contou cun investimento de 700.000 euros. Así mesmo, entre os anos 2009 e 2010 executouse a ampliación do peirao, cun investimento de 3,1 millóns de euros, e en 2013 investíronse 1,2 millóns na instalación do dique de abrigo aboiante.

En total, a Consellería do Mar leva investidos desde 2009 no porto do Xufre máis de 10 millóns de euros entre estas grandes infraestruturas e as actuacións menores de conservación e mantemento das instalacións que Portos de Galicia realiza de xeito regular.

25 de febreiro de 2019 | 19:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.