publicidade hoxe

A Cidade da Cultura convida a disfrazarse de estrelas do rock para gozar dun baile de entroido con Gramola Gominola

A Cidade da Cultura de Galicia convida aos amantes do entroido a disfrazarse de roqueiras e roqueiros e gozar dun baile especial coa música en directo da banda infantil A Gramola Gominola, unha festa para toda a familia que terá lugar o luns 4 de marzo ás 17.30 horas no Museo Centro Gaiás.

A estética do rock’n’roll, coas súas cazadoras de coiro, pantalóns axustados, chatolas ou topetes, convértese desta volta no tema do baile que a Cidade da Cultura organiza polo entroido desde fai catro anos e que, en edicións anteriores, se ten dedicado ás xentes do mar, á cultura chinesa ou aos diferentes xeitos de celebrar estas festas ao longo do mundo. As entradas para este baile poden adquirirse na recepción do Museo Centro Gaiás ou en Ataquilla.com (3 € + gastos de xestión en venda anticipada e 4 € na billeteira).

Rock en galego

A música correrá a cargo da Gramola Gominola, banda infantil integrado por Paula Romero (voz), Ro Muñoz (batería), Anxelo de Xermar (baixo) e Paco Cerdeira (guitarra e voz). As guitarras, baixo e batería deste grupo farán gozar do rock en galego a toda a cativada que se achegue ao Museo Centro Gaiás.

“Somos un grupo de música infantil, en galego, pensado para as máis pequenas e pequenos da casa. Pero non un grupo máis, non o de sempre, somo unha banda de rock”, preséntanse os membros desta banda, convencidos de que non hai idades nin barreira para gozar da música.

O Baile de Entroido do Gaiás forma parte da programación dirixida a público familiar que organiza ao longo de todo o ano a Cidade da Cultura, con citas xa ben coñecidas como Nadal no Gaiás, Cidade Imaxinaria –na edición de primavera e verán- ou as acampadas no Bosque de Galicia, entre outras moitas actividades.

20 de febreiro de 2019 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.