publicidade hoxe

Un total de 16 centros públicos de educación primaria da provincia de Ourense dispoñen este curso de kits de robótica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Na provincia de Ourense un total de 16 colexios públicos participan neste curso 2018/2019 no programa de innovación Introdución á robótica educativa en primaria, polo que o seu alumnado dispón de kits de robótica subministrados pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Deles, sete incorporáronse este curso por primeira vez, mentres que os nove restantes renovan, continúan ou amplían o proxecto do curso anterior.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada pola xefa territorial do departamento autonómico de Educación, Luz Fernández Quintas, visitou o CEIP dos Blancos, que é un dos sete novos centros que participan este curso no programa.

Díaz Mouteira comprobou o emprego que o alumnado deste colexio público fai do material entregado por participar neste proxecto. En total, as sete alumnas e alumnos de 4º,5º e 6º de Primaria do centro son beneficiarios do programa que, segundo a delegada territorial, demostra a aposta do Goberno galego de achegar ao alumnado dos municipios do rural os mesmos recursos educativos e didácticos dos que dispoñen os escolares das cidades e das grandes vilas. A dotación consiste en 6 robots Mbot (modelo básico) e kit de construción compatible de Lego, ademais dos manuais de uso e guía didáctica.

Este curso como centros de nova incorporación sumáronse ao centro dos Blancos, os CEIPs Curros Enríquez de Celanova, Rosalía de Castro de Xinzo de Limia, Santa María A Real de Entrimo, o de Maceda, e o Manuel Luís Acuña e o Plurilingüe de Seixalbo, da capital ourensá.

O resto dos centros ourensáns participantes do programa de robótica son: CEIP Ramón Otero Pedrayo, do Barco de Valdeorras; CEIP Carlos Casares, de Xinzo de Limia; CEIP Plurilingüe, de Vilar de Barrio; CEIP Plurilingüe Otero Novas, de Cortegada; CEIP Ben Cho Shey, do Pereiro de Aguiar; CEIP Plurilingüe de Luíntra, de Nogueira de Ramuín; e os CEIPS da cidade Irmáns Villar, Amadeo Rodríguez Barroso e Vistahermosa.

A representante do Goberno galego en Ourense subliñou que o programa Introdución á robótica educativa en primaria ten como obxectivo facilitar que o alumnado adquira, a maiores de coñecementos curriculares, competencias clave para o seu pleno desenvolvemento persoal e social, a través dunha metodoloxía activa que contribúe ademais a fortalecer o avance dos escolares nas áreas de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas (STEM).

O programa enmárcase na Estratexia Galega de Educación Dixital, Edudixital 2020, impulsada pola Consellería, a través da cal se busca lograr que todo o alumnado de ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación no curso 2020/21 co fin de que, ao finalizar os estudos, acade un nivel adecuado de competencia dixital e científico-tecnolóxica.

Material para centros de ESO

Cómpre lembrar neste sentido que, a maiores desta acción para os centros de primaria, a Consellería dotou a todos os centros que imparten ESO dun kit de robótica educativa (formada por 6 robots MBot modelo Ranger), un de microcontrol e programación (4 arduinos UNO con de sensores e actuadores e 2 Raspberry PI 3) e outro de impresión 3D (impresora Leon3D con set de consumibles).

15 de xaneiro de 2019 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.