publicidade hoxe

Román Rodríguez anima a todos os grupos parlamentarios a formular achegas ao Plan Estratéxico do Xacobeo 21

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presidiu hoxe no Parlamento de Galicia a constitución do Grupo de Traballo para o Xacobeo 21 coa presenza dos catro grupos con representación na Cámara galega. Nesta primeira xuntanza, o titular deste departamento animou a todos os deputados a formular achegar ao Plan Estratéxico do Xacobeo 21, en elaboración nestes momentos.

Como salientou Román Rodríguez, o Goberno autonómico traballa co obxectivo decidido de “implicar a toda a sociedade galega e ás súas institucións na planificación do próximo Ano Santo, dando forma entre todos a un gran proxecto transversal de país”. Por iso, está a deseñar unha arquitectura participativa baseada na cooperación institucional co Consejo Jacobeo a nivel estatal e a Comisión Organizadora do Xacobeo 21 a nivel autonómico.

Nesta mesma liña, e para facer completa esta participación, no pasado Debate do estado de Autonomía o presidente da Xunta propuxo a creación deste grupo de traballo. De aí que, como resultado do Debate, o Parlamento de Galicia acordara instar ao Executivo autonómico a “impulsar a preparación do Xacobeo 21, estimulando a creación de emprego de calidade, promovendo a renovación dos equipamentos de hostalería e deseñando programas que fagan partícipe a toda a sociedade para que a repercusión de todas as medidas chegue aos diferentes sectores produtivos e ás disciplinas artísticas, fortalecendo a marca país e fomentando a súa proxección internacional”. E remataba: “Ínstase á Xunta de Galicia a recadar a participación e as achegas dos grupos parlamentarios”.

Este grupo de traballo estará formado por un representante de cada grupo parlamentario, xunto aos responsables da Consellería e Turismo, fomentando o debate, o diálogo e a transparencia no deseño do Ano Santo con antelación, coordinación e lealdade.

O Goberno galego vén estimulando iniciativas nesta mesma liña, coa proposta dun grupo de traballo similar no seo do Consejo Español de Turismo (Conestur), que involucre a todas as comunidades autónomas, con independencia de que pase ou non o Camiño de Santiago, e ao sector privado; ou cunha mesa de traballo na que se integren as asociacións de amigos da Ruta Xacobea, como profundas coñecedoras e dinamizadoras da peregrinacións.

Igualmente, e para facer extensiva esta participación a toda a sociedade, vén de abrirse este mesmo luns a convocatoria O teu Xacobeo, dotada con 2 millóns de euros, para incorporar e cofinanciar proxectos presentados por calquera cidadán, entidades públicas ou privadas.

15 de xaneiro de 2019 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.