publicidade hoxe

O PXOM de Trasmiras convértese no primeiro instrumento de planeamento xeral propio deste concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada esquerdaTrasmiras
A-
A+
Ángeles Vázquez en Trasmiras

Ángeles Vázquez en Trasmiras

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou esta mañá a orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Trasmiras, co que este documento convértese no primeiro instrumento de planeamento xeral propio, dado que o urbanismo neste municipio se rexía por unhas Normas Subsidiarias de Planeamento Provinciais.

Tal e como manifestou a conselleira tamén ostenta o distintivo de ser o primeiro plan xeral de ordenación aprobado neste ano e que se suma ao listado de concellos galegos con PXOM adaptado e acorde á normativa urbanística actual (69 aprobados desde o ano 2009 e 11 na actual lexislatura; sendo o de Tordoia o que se aprobou con anterioridade).

Ángeles Vázquez salientou o feito de que -coa sinatura da orde de aprobación- culmínase unha tramitación que comezou hai unha década e que é o resultado do traballo e da implicación de moitas persoas; pero a importancia deste documento radica no feito de substituír a unha ordenación urbanística obsoleta e dotar ao Concello dun documento de ordenación integral, caracterizado por aportar a precisa e obrigada seguridade xurídica, a súa coherencia coa realidade territorial de Trasmiras e que se rexe polo principio de utilización racional dos recursos e desenvolvemento sostible do territorio.

Recordou que a elaboración desta ferramenta supuxo estudar en detalle a totalidade da superficie do termo municipal, que acada case 57 km2 e que se distribúe en 10 parroquias: Avabides, Chamusiños, Escornabois, Lobaces, Rabal, Trasmiras, Vila de Rei, Vilar de Lebres, Vilaseca e Zos.

En base a dito estudo, pódese afirmar que Trasmiras é un concello eminentemente rural, xa que máis dun 95% do seu territorio corresponde a solo rústico e un 3,23%, a núcleo rural. O 0,18% é solo urbanizable e o 0,67% é solo urbano. Tamén cómpre destacar os case 70.000 m2 para o sistema xeral de espazos libres e zonas verdes, un 40,50% máis do que esixe a Lei de Ordenación Urbanística, e a reserva de 20.500 m2 para o sistema xeral de equipamento comunitario, un 24,23% máis do que esixe a Lei.

Ningún concello sen PXOM

Coincidindo coa aprobación definitiva do PXOM de Trasmiras, a conselleira de Medio Ambiente lembrou a aposta decidida que está a facer a Xunta desde o ano 2009 co fin de dotar a Galicia dun novo marco normativo en materia urbanística.

Neste contexto e co fin de alcanzar o obxectivo de “ningún concello sen PXOM”, Vázquez Mejuto subliñou que no que vai de lexislatura (desde novembro de 2016) xa foron aprobados 11 planeamentos xerais, xunto co de hoxe, que se suman aos 69 que o actual goberno da Xunta sacou adiante desde o ano 2009.

Así mesmo, tamén se referiu aos avances máis recentes en materia de normativa urbanística. Concretamente, a conselleira lembrou a aprobación do Plan Básico Autonómico, que entrou en vigor o pasado mes de outubro para substituír ás xa obsoletas normas subsidiarias de planeamento provinciais de 1991, ou aos avances para que en 2019 poidan saír adiante os primeiros Plans Básicos Municipais, instrumentos pensados para os concellos de menos de 5.000 habitantes que carecen de ordenación urbanística propia.

Durante a visita a conselleira tamén puxo en valor o compromiso da Xunta por mellorar os espazos deste concello, lugares de encontro e de lecer para os veciños, como foron as obras de renovación executadas na contorna da capela de Escornabois. Unha actuación na que se investiron case 180.000 euros.

8 de xaneiro de 2019 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.