publicidade hoxe

O polo aeroespacial de Galicia avanza no deseño de solucións innovadoras na prevención de incendios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastro de ReiGaliciaLocal PortadaLugoPortada esquerda
A-
A+
Francisco Conde en Castro de Rei

Francisco Conde en Castro de Rei

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e o conselleiro do Medio Rural, José González, constataron esta mañá en Rozas (Castro de Rei) os avances do polo aeroespacial de Galicia no deseño de solucións innovadoras que dan resposta ás necesidades reais da Administración e, en concreto, no eido da prevención de incendios. Ambos os dous conselleiros asistiron á demostración do helicóptero non tripulado Lua e do sistema contra incendios Einforex, impulsados por Babcock.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria explicou que os resultados do traballo que se está a desenvolver no polo aeroespacial de Galicia xa comezan a ser visibles e puxo como exemplo a demostración de hoxe e tamén as probas de simulación do Targus de Indra iniciadas a pasada semana en Rozas.

Segundo Conde, os avances no sistema Einforex FF (FireFighting) desenvolvidos por Babcock coa participación das empresas Soldatec, Itmati, Coremain, Cinfo, Veoline e Pildo, van abrir un mundo de posibilidades á información de emerxencias. Así, probouse o helicóptero non tripulado Lua, xunto con varios compoñentes que o converten no único sistema capaz de capturar e procesar en tempo real información dixital de vídeos e imaxes tanto no espectro visible como infrarroxo.

Tal e como sinalou Conde, este proxecto resume o espírito do polo aeroespacial ao consolidar a alianza cunha empresa tractora como Babcock, involucrar a empresas locais para chegar a mercados internacionais e mellorar a súa competitividade e por obter produtos e solucións realizadas en Galicia pero con aplicación global como neste caso cos incendios forestais.

Conde destacou o avance do polo aeroespacial de Galicia posto en marcha en 2015 e que, desde entón, leva mobilizado 50M€ dos 165 previstos coas actuación que están en marcha e programadas, mentres que o programa de I+D promove, ata o de agora, 20 proxectos nos que traballan 262 persoas. Neste sentido, incidiu en que en 2019 volverá a ter un papel central xa que se destinan 18,1M€ para seguir avanzando e consolidando este proxecto, a través de iniciativas como o parque industrial, a aceleradora aeronáutica ou o novo espazo formativo de Rozas. Conde puxo en valor este proxecto colaborativo que conta coa coordinación de administracións e tecido produtivo e sinalou o traballo conxunto de Babcock e a Consellería do Medio Rural para desenvolver a iniciativa presentada hoxe.

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, salientou a importancia da incorporación de novas tecnoloxías á loita contra os incendios forestais e especialmente no que atinxe aos medios aéreos. Neste marco, destacou que xa na pasada campaña de alto risco de lumes comezou a funcionar por primeira vez en Galicia un helicóptero de coordinación dotado con cámaras capaces de transmitir imaxes e vídeo en tempo real e xeorreferenciadas, así como a rede de videovixilancia forestal.

O conselleiro sinalou ademais que o combate contra os incendios é “un traballo de todos”, que implica a todas as administracións públicas e á poboación en xeral. Por este motivo, insistiu na necesidade da colaboración cidadá para alertar de posibles lumes e para denunciar actuacións sospeitosas no monte. Co fin de facilitar esta cooperación, lembrou que a Xunta vai poñer en marcha un teléfono gratuíto e específico de denuncia, que estará operativo antes da vindeira campaña de alto risco. Ademais, José González aproveitou o acto para felicitar, unha vez máis, ao persoal que integra o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais.

16 de xaneiro de 2019 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.