publicidade hoxe

O coworking de Ourense mantén aberta a convocatoria para incorporar novos proxectos empresariais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSan Cibrao das Viñas
A-
A+

O espazo coworking impulsado conxuntamente pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Escola de Organización Industrial (EOI) en San Cibrao das Viñas mantén aberta a convocatoria da nova edición para os emprendedores que desexen desenvolver un novo proxecto empresarial, especialmente nos ámbitos do sector forestal e da transformación da madeira, pero sen excluír outras actividades empresariais.

Poderán participar nesta iniciativa de emprendemento os promotores de ata 22 proxectos. A primeira edición desta aceleradora especializada nun dos sectores estratéxicos para a economía galega rematou en abril e contou coa participación de 18 proxectos. Xunto co do Salnés, focalizado no turismo e a agroalimentación, e o de Santiago, centrado nas industrias culturais e tecnolóxicas, este coworking ubicado no CIS Madeira, en San Cibrao das Viñas, é un dos espazos especializados nun ámbito sectorial (neste caso, forestal-madeira).

A finalidade desta acción é facilitar o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o conxunto do territorio galego, incrementando as probabilidades de éxito das propostas impulsadas polos emprendedores. Poden participar persoas con ideas empresariais sen desenvolver, emprendedores con proxectos empresariais en fase temperá de desenvolvemento e emprendedores que crearan a súa empresa en datas recentes e precisen asesoramento para a fase inicial de consolidación e crecemento.

A iniciativa de San Cibrao forma parte da rede de espazos coworking que en Galicia, grazas á colaboración da Xunta, a EOI e co financiamento do Fondo Social Europeo, xa ten permitido apoiar 458 proxectos promovidos por máis de 500 emprendedores galegos.

Na actualidade tamén permanecen abertas as convocatorias para os coworkings de Ferrolterra, Costa da Morte, Ribeira Sacra, Mariña lucense, Celanova e Terras da Limia, Santiago de Compostela e O Salnés. Estas iniciativas contribúen a dinamizar a economía e emprego dos concellos máis pequenos, así como aproveitar os recursos de cada zona para crear novas oportunidades e fixar poboación.

24 de xaneiro de 2019 | 16:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.