publicidade hoxe

O 90% dos incendios forestais rexistrados en Galicia na última quincena foron intencionados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Reunión do Comité de Coordinación Policial Antiincendios

Reunión do Comité de Coordinación Policial Antiincendios

O 90% dos incendios forestais que se rexistraron en Galicia nas últimas dúas semanas foron intencionados. Así o trasladou o conselleiro do Medio Rural, José González, hoxe na reunión do Comité de Coordinación Policial Antiincendios, órgano do que forman parte representantes dos diferentes corpos e forzas de seguridade do Estado presentes en Galicia, ademais da propia Xunta.

Neste sentido, José González explicou que dos 90 incendios que houbo na nosa comunidade desde o pasado 30 de decembro ata o 13 de xaneiro, 80 deles foron claramente intencionados, é dicir, case o 90%. Así, constatouse unha clara intencionalidade xa que 17 dos lumes rexistrados nese período tiñan máis de dous focos simultáneos e 39 lumes producíronse en horas nocturnas, cando os medios aéreos non poden voar por falta de visibilidade.

Nesta reunión, na que tamén participaron os directores xerais de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, e de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, así como persoal da Fiscalía, abordouse especialmente a análise da actividade incendiaria das últimas semanas, partindo da alta actividade delituosa detectada e decidiuse intensificar os labores de vixilancia e disuasión nas zonas de maior actividade incendiaria. Neste aspecto, o conselleiro do Medio Rural adiantou que estes lumes supuxeron un gasto para todos os galegos de máis de 200.000 euros, unha cifra que debe servir de reflexión, xa que se esa cantidade non se gastase en extinguir, investiríase en crear actividade económica rendible no medio rural.

Ao fío disto, José González insistiu unha vez máis en que dende a consellería se trasladarán os gastos de extinción aos que se demostre que prenden lume, para que paguen o dano causado con todo o peso da lei. “Hai que ser implacables cos incendiarios”, sentenciou.

Ao tempo, o titular de Medio Rural salientou ademais que os corpos e forzas de seguridade do Estado despregados en Galicia teñen unha ampla experiencia na investigación deste tipo de delitos e amosou a súa confianza na eficacia que amosan para deter os incendiarios e poñelos a disposición xudicial. Ademais, o titular de Medio Rural adiantou que reforzará o labor de investigación das Brigadas de Investigación Forestal, dependentes do propio servizo de extinción de incendios da Consellería do Medio Rural.

Así, o que se fixo a través deste comité foi un seguimento das accións coordinadas entre a Consellería do Medio Rural e os diferentes corpos e forzas de seguridade do Estado (fundamentalmente Policía Nacional e Garda Civil) para loitar contra a actividade delituosa incendiaria, especialmente nas zonas con lumes recorrentes. No marco deste comité, José González tamén avanzou que proximamente os axentes forestais serán incluídos nos comités policiais antiincendios a nivel provincial, que serán convocados en vindeiras datas.

Chamada a denunciar aos incendiarios

En relación coa denuncia da actividade delituosa incendiaria, o conselleiro anunciou a tramitación da posta en marcha dun número de teléfono gratuíto e específico para denunciar condutas incendiarias, no que se garanta o anonimato do denunciante. Tamén explicou que se preparará un protocolo en conxunto cos corpos e forzas de seguridade do Estado para garantir o correcto emprego dos datos.

Tamén neste sentido, trasladou que nas vindeiras datas manterá xuntanzas cos propios axentes do territorio para abordar a situación vivida nas últimas semanas e para trasladarlle a repercusión que pode ter un incendio forestal con penas de cárcere e coa repercusión dos gastos se se demostra quen prendeu o lume. Así, adiantou que a primeira delas será mañá cos alcaldes dos concellos do Macizo Central ourensán.

Neste contexto, o conselleiro apelou unha vez máis á colaboración cidadá na loita contra este problema. Neste aspecto animou a alertar sobre posibles lumes e a denunciar actuacións sospeitosas no monte, que poidan ser causa de incendios. José González fixo unha chamada a que todos aqueles que denunciaron publicamente a intencionalidade dos lumes o fagan diante Ministerio Fiscal a través das vías legais e aporten as probas que o demostran, porque, engadiu, a loita contra os que prenden lume é cousa de país e polo tanto é cousa de todos.

Así mesmo, o conselleiro felicitou o persoal que traballa contra os lumes pola súa eficacia e profesionalidade, que unha vez máis se puxo de manifesto nestas pasadas datas. Así, lembrou que dos 90 incendios rexistrados entre o 30 de decembro e o 13 de xaneiro, case o 68% quedaron en conato, grazas á rápida intervención do operativo.

15 de xaneiro de 2019 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.