publicidade hoxe

Medio Rural achega 670.000 euros a 59 viticultores para a reimplantación e reconversión varietal das viñas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a relación de beneficiarios das axudas que convoca a Consellería do Medio Rural aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia. En total son 59 viticultores os que recibirán preto de 670.000 euros para desenvolver accións que permitan reordenar e mellorar a produción vinícola galega.

A superficie de viñedo na que se vai actuar grazas a estas subvencións é de 73,33 hectáreas. Por provincias, unha vez máis, a maior parte corresponde a Ourense, con 42 beneficiarios e 36,3 hectáreas. Séguelle Pontevedra, con 32,2 hectáreas e 14 perceptores. Na Coruña rexístranse 4,9 hectáreas e 3 expedientes aprobados e en Lugo, desta vez, non houbo beneficiarios. Por zonas vitícolas, o maior número de beneficiarios corresponde á denominación de orixe Valdeorras (24), seguida de Rías Baixas (17), Monterrei (9), Ribeiro (8) e Ribeira Sacra (1).

Os principais obxectivos destas axudas son levar a cabo reaxustes estruturais que fagan diminuír os sobrecustos de produción das explotacións vitícolas de Galicia, onde predomina o minifundio. Ademais, conséguese a mellora das técnicas de xestión das viñas e reconversións varietais para optimizar a súa orientación ao mercado, adaptando as producións á demanda, á vez que se preservan as variedades viníferas autóctonas da nosa comunidade. Trátase de aproveitar a nosa elevada calidade diferenciada como vantaxe competitiva nun mercado cada vez máis globalizado

Así mesmo, a través destas achegas aumenta o grao de profesionalización do sector vitícola galego, á vez que se potencia a remuda xeracional e un desenvolvemento rural socialmente viable, facilitando o acceso ás explotacións das persoas viticultoras mozas e capacitadas, en particular das mulleres viticultoras.

15 de xaneiro de 2019 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.