publicidade hoxe

Médicos, enfermeiros, farmacéuticos e traballadores sociais de todas as áreas sanitarias comezan as reunións para traballar nun novo modelo de atención primaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O edificio administrativo do Sergas acolleu as primeiras xuntanzas dos grupos específicos de traballo propostos polo Sergas para adoptar decisións compartidas cos profesionais na reformulación do modelo de atención primaria. Máis de sesenta profesionais, de distintas categorías e de todas as áreas sanitarias, comezaron hoxe a traballar nos distintos grupos co obxectivo de abordar propostas a curto, medio e longo prazo coas que afrontar o reto do envellecemento poboacional e as dificultades para dispoñer de profesionais que afectan ao conxunto do Sistema Nacional de Saúde.

A esta primeira xornada de hoxe, na que estivo presente o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas, estaban convocados os médicos, enfermeiros, farmacéuticos e traballadores sociais. Para xornada de mañá están citados o persoal de servizos xerais e os fisioterapeutas.

Os grupos de traballo propostos por Sanidade abordarán específicamente, a reorganización e a creación de equipos para identificar os novos roles dos profesionais que traballan na atención primaria; as medidas encamiñadas á atención da demanda con calidade e seguridade; a priorización do plan de investimentos previstos para este ano na atención primaria; as relacións entre a atención hospitalaria e a primaria; a formación e a investigación; e as relacións cos pacientes a través das novas plataformas tecnolóxicas aplicadas á saúde.

Algunhas das primeiras propostas para seguir avanzando na mellora da atención primaria atenderán á creación dun interlocutor propio para os servizos de primaria dentro da estrutura das áreas sanitarias, á ampliación das prazas MIR na Comunidade Autónoma de Galicia, ou o incremento progresivo na contratación dos enfermeiros especialistas en medicina familiar e comunitaria.

O plan de traballo acordado programouse para poder contar coas primeiras conclusións de expertos no vindeiro mes de febreiro.

Dende a Consellería de Sanidade estase a traballar xa en medidas como o establecemento de novas fórmulas contractuais, para dar unha maior estabilidade laboral e fidelización de médicos de familia e pediatras de atención primaria dun mínimo dun ano.

Outras das medidas tomadas polo Sergas son a convocatoria anual de OPEs dende 2012 e o incremento da oferta de prazas MIR, realízándose no 2018 a maior oferta de prazas MIR dos últimos anos, con 404 prazas.

Ademais, Galicia é a primeira comunidade en contratar en Atención Primaria profesionais EIR (enfermeiros internos residentes) das categorías de familia e pediatrías. Asemade, optouse por favorecer o retraso da idade de xubilación, para aqueles facultativos especialistas que o desexen, ofertando prórrogas de permanencia no servizo.

8 de xaneiro de 2019 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.