publicidade hoxe

Galicia logra novas saídas comerciais para o “carallo de mar” cunha iniciativa para valorizar os descartes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPortada esquerdaVigo
A-
A+
Rosa Quintana na presentación dos resultados do proxecto Holoplus

Rosa Quintana na presentación dos resultados do proxecto Holoplus

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, eloxiou hoxe a capacidade de reinventarse do sector pesqueiro galego para aproveitar especies que ata hai pouco a frota descartaba polo seu escaso valor comercial e ás que agora lles está a buscar múltiples saídas no mercado. É o caso da holoturia ou carallo de mar, unha das capturas accidentais máis importantes da frota galega de arrastre de litoral e Gran Sol, á que o sector pesqueiro e transformador de Galicia lle atopou distintas solucións de negocio e múltiples saídas no mercado no marco do proxecto Holoplus. Acciones Innovadoras para la consolidación de la explotación y comercialización internacional del pepino de mar, liderado pola asociación de armadores ARVI.

A titular de Mar destacou durante a inauguración da xornada de presentación dos resultados desta investigación que Galicia extrae, vende, transforma e comercializa os produtos pesqueiros, “un círculo que se pecha baixo a premisa de que tan importante é pescar ben como vender mellor”. Nesta liña, incidiu, o mesmo camiño que a holoturia pódeno seguir no futuro outros recursos que antes se descartaban como o marujito, o abalón ou a zapata.

O traballo do sector pesqueiro galego para darlle valor e saída comercial á holoturia comezou en 2014 co proxecto Hologal, ao que se sumou en 2016 o Holoplus, que serviu para consolidar os resultados obtidos ata ese momento e camiñar cara a explotación e comercialización internacional deste recurso. Os avances desta investigación, aseverou Rosa Quintana, permitiron levar a holoturia, “un produto de excelente calidade das nosas costas”, ás cociñas dos grandes chefs internacionais e tamén a aportar as súas cualidades a diferentes preparados farmacéuticos, polo que pasou de ter unha presenza incipiente no mercado a consolidar toda unha industria.

Galicia comezou a explotar o carallo de mar en 2015 e as lonxas galegas pasaron de comercializar nese primeiro ano preto de 6.800 quilos a superar os 150.000 o ano pasado, o que supón multiplicar por 22 as capturas. Mentres, os ingresos por estas vendas aumentaron desde pouco máis de 17.000 euros no primeiro ano de actividade ata os preto de 250.000 euros de facturación acadados en 2018, co que se multiplicou a recadación por máis de 14. Os plans de explotación da holoturia tampouco deixaron de aumentar desde que a Xunta regulou a súa extracción e este ano hai cinco aprobados, os das confrarías de Vigo, Cangas, O Grove, Aldán e un conxunto de Barallobre e A Coruña.

Por iso, a conselleira do Mar puxo Holoplus como exemplo de investigación para eliminar os descartes e aproveitar de xeito integral os recursos pesqueiros. “Hoxe por hoxe a holoturia xa ten o seu oco nos canais comerciais de distribución e venda e o número de plans de explotación aumenta ano tras ano”, indicou, ao tempo que salientou que xa son moitas as empresas que están a traballar na transformación das holoturias e na súa comercialización, tanto en España como noutros países para o consumo en fresco ou trala súa deshidratación.

A titular de Mar agradeceu tamén “a implicación e o labor” dos socios deste proxecto (ARVI, Inpromar, Talleres Josmar, Eire Pesca, Anfaco e o Instituto Español de Oceanografía de Vigo) e o apoio financeiro da Axencia Galega de Innovación que, no marco do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, impulsou unha iniciativa dun sector “estratéxico para Galicia: o dos produtos do mar”.

A representante do Executivo galego subliñou ademais que proxectos deste tipo contribúen a manter a relevancia de Galicia no sector nacional da comercialización dos produtos do mar, no que aporta o 45% do tecido empresarial, con máis de 200 empresas; o 61% do valor económico global e o 57% do emprego, con máis de 13.200 postos de traballo xerados.

16 de xaneiro de 2019 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.