publicidade hoxe

Galicia e os seus socios no proxecto Primefish definen o perfil dos consumidores de cinco países europeos para optimizar as políticas sobre os produtos do mar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada esquerdaVigo
A-
A+
Inauguración da conferencia final do proxecto Primefish

Inauguración da conferencia final do proxecto Primefish

O Centro Tecnolóxico do Mar, dependente da Consellería do Mar, e os seus socios no proxecto europeo PrimeFish pecharon hoxe catro anos de investigacións sobre o mercado europeo dos produtos do mar coa presentación dunha ferramenta que determina o perfil dos consumidores de España, Reino Unido, Italia, Alemaña e Francia, os seus intereses e preferencias, o seu nivel de consumo e as tendencias de comportamento futuro. Estes resultados, que foron presentados na conferencia final do proxecto celebrada en Vigo, redundarán en beneficio das empresas do sector pesqueiro e acuícola, dos consumidores dos produtos do mar e dos poderes públicos á hora de orientar as súas políticas nestes ámbitos.

A investigación tiña como obxectivo mellorar a competitividade dos produtos derivados da pesca e da acuicultura e os traballos desenvolvidos desde 2015, con máis dun milleiro de enquisas a consumidores en cada país, foron envorcados nunha innovadora ferramenta baseada en big data á que tamén se incorporou toda a información obtida polos investigadores de PrimeFish en entrevistas coas empresas do sector sobre segmentación e competencia de mercados ou sobre determinados produtos do mar.

Este prototipo de software, que puido ser testado polos participantes na conferencia final de PrimeFish, permite ás industrias, responsables políticos ou público en xeral realizar consultas adaptadas aos seus intereses e definir o perfil ideal de consumidor, determinar canto estarían dispostos a pagar polos seus produtos ou obter indicadores sobre competitividade, análises da cadea de valor ou tendencias de prezos.

“Esta aplicación permitirá aos traballadores do mar, ás compañías de procesado e aos analistas de mercado, entre outros axentes, mellorar a produtividade na cadea de valor e reorientar as súas estratexias”, explicou a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Isabel Concheiro, na inauguración da conferencia final do proxecto Primefish.

“É un dos mellores exemplos actuais dos beneficios que proporciona aplicar a innovación e o big data ao noso sector. Unha ferramenta innovadora de predición que consideramos o mellor apoio para fortalecer a competitividade do noso sector nun mercado cada vez máis globalizado”, incidiu a representante do departamento que dirixe Rosa Quintana.

Os responsables do proxecto destacaron os beneficios que tanto o traballo de recompilación de información levado a cabo estes anos como a nova ferramenta que a aglutina terán para os consumidores, ao axudalos a elixir produtos adaptados as súas necesidades, como para as empresas, que poderán optar por produtos máis demandados, así como para os poderes públicos á hora de trazar as súas estratexias.

O Centro Tecnolóxico do Mar, que se encargou en PrimeFish de coordinar os contactos con industrias e responsables políticos a fin de obter a súa opinión sobre os mercados de produtos da pesca e da acuicultura, sopesa estender este traballo ás especies máis demandadas en Galicia se as empresas do sector teñen interese na ferramenta.

Con financiamento do programa europeo Horizonte 2020 e da man de responsables políticos e da industria, o consorcio PrimeFish reuniu a expertos de 16 centros de investigación, empresas e universidades de Europa, Canadá e Vietnam e traballou na análise da cadea de valor dos produtos do mar en máis de dez países.

30 de xaneiro de 2019 | 16:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.