publicidade hoxe

Galicia avanza coas comunidades da España Verde para reforzar a marca turística do norte peninsular

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+

Galicia vén de participar nunha nova xuntanza da marca España Verde –a alianza turística que agrupa as comunidades autónomas de Asturias, Cantabria, País Vasco e Galicia– para dar conta das actividades levadas a cabo durante o ano 2018 e afondar en liñas futuras que pasarán por reforzar en 2019 a marca a través de vínculos comúns como o Camiño de Santiago, a enogastronomía ou o seu potencial en turismo activo. Buscarase implementar tamén o seu papel nos mercados obxectivo con presenza máis uniforme nas principais feiras que se celebren este ano.

Os representantes destas catro comunidades do norte peninsular, entre os que se atopaba a directora da área de Promoción da Axencia Turismo de Galicia, Carmen Pita, fixeron balance deste ano no que se deu un importante pulo á renovación da marca. Así, púxose en marcha a páxina web www.ingreenspain.es que está dispoñible en seis idiomas. Tamén se puxeron en funcionamento perfís en redes sociais da España Verde e se levaron a cabo estratexias off line como blogtrips nas catro comunidades para os mercados de Italia e Reino Unido; famtrips para o mercado alemán e estableceuse unha presenza conxunta en feiras como Free de Alemaña, a ITB de Berlín ou a World Travel Market de Londres.

Trátase de experiencias que se pretende repetir coa intención de reforzar a marca diferenciada do norte peninsular ante os mercados internacionais e intensificar o seu papel como destino atractivo fóra de tempada alta. Durante o encontro tamén se puxeron as bases para efectuar o traspaso da coordinación da España Verde.

Innovación no destino

Asturias, a comunidade coordinadora durante 2018, traspasará as súas competencias ao País Vasco a finais deste mes, no transcurso da celebración da Feira Internacional de Turismo de Fitur. Amais, tamén se abordou a necesidade de afondar na innovación do destino e dos datos turísticos, en colaboración coa sociedade estatal española Segittur.

Esta reunión de traballo dá continuidade aos encontros mantidos nos últimos meses para seguir definindo unha estratexia conxunta de promoción dos catro territorios que están a demostrar o seu atractivo especialmente fóra de tempada alta. De feito, no mes de novembro a España Verde no seu conxunto recibiu un 19,16% máis de viaxeiros e un 23,50% máis de pernoitas, un incremento que se deu en todas as comunidades neste mes.

Con iniciativas conxuntas que poñan en valor os recursos comúns, aproveitarase así todo o seu potencial natural, de costa e de interior, cun modelo de turismo slow e sustentable, en liña coa Estratexia do turismo de Galicia 2020. Deste xeito, poranse en valor as 14 Reservas da Biosfera da Unesco, os tres Parques Nacionais, os 25 parques naturais, onde practicar actividades de turismo activo ou mesmo o Camiño de Santiago que atravesa as catro comunidades. A todo iso engádese unha oferta enogastronómica recoñecida con máis de medio centenar de Estrelas Michelin ou 19 Paradores e 2800 aloxamentos de turismo rural en todo o territorio.

17 de xaneiro de 2019 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.