publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Francisco Conde pon en valor en Castroverde que os obradoiros duais axudan a mellorar a empregabilidade e fixar poboación no rural galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastroverdeLocal Portada
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe en Castroverde os traballos que o alumnado do obradoiro dual forestal O Castro IV está a desenvolver neste concello e nos de Pol, Riotorto, A Pastoriza e Ribeira de Piquín, onde sinalou que este tipo de formación axuda a mellorar a empregabilidade e fixar poboación no rural galego.

Os 20 participantes están recibindo formación específica no eido forestal -sector que xunto co Camiño de Santiago tiña unha partida específica nesta iniciativa- para o desenvolvemento de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. En concreto, os traballos consisten na aplicación de tratamentos silvícolas en varios camiños forestais e zonas verdes dos cinco concellos implicados e en labores de conservación do Carballal de Furís, en Castroverde. O obradoiro conta cun investimento global de preto de 290.000 euros.

Tal e como destacou o conselleiro, impulsar a formación no eido forestal, un dos sectores con máis peso en Galicia, contribúe á súa modernización e diversificación para que actúe como un dinamizador económico dos concellos rurais.

Este obradoiro é un dos 18 que se están a desenvolver na provincia de Lugo para chegar a 360 alumnos cun orzamento de case 5,2M€. En total, Galicia está realizando 82 obradoiros duais dos que se benefician 1600 alumnos nos que se invisten 23,26M€. A principal novidade é que os participantes poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato de alomenos tres meses máis nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro: “Trátase de combinar formación e aprendizaxe coa oportunidade dunha experiencia laboral”, explicou Conde. O obxectivo é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente nos do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación.

Os obradoiros duais forman parte do compromiso da Xunta coa formación. Así, o Goberno galego inviste este ano 145 millóns de euros en medidas centradas na orientación e na cualificación para favorecer o acceso dos galegos e galegas ao mercado laboral, con cursos que se adapten aos novos perfís profesionais e ás demandas e necesidades reais do tecido empresarial. Xunto cos obradoiros duais, destaca o programa Aprol Rural que permitirá contratar a 600 desempregados nos concellos do medio rural para a realización de tarefas vinculadas, sobre todos, coa prevención de incendios.

Conde destacou a importancia da colaboración institucional para contar cunha Comunidade máis competitiva e con máis capacidade para crear riqueza. Neste sentido, destacan os Concellos emprendedores. Unha iniciativa paralela á Lei de implantación empresarial na que a administración autonómica e local colaboran para facilitar a tramitación administrativa, o acceso ao solo e para ofrecer unha mellor fiscalidade.

Os concellos adheridos obteñen prioridade nas axudas da Xunta destinadas a fomentar o emprego de calidade e a apoiar o emprendemento innovador, como o caso dos obradoiros de emprego. Neste sentido, Lugo conta con 19 concellos emprendedores.

22 de xaneiro de 2019 | 16:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.