publicidade hoxe

Feijóo sinala o novo acordo do emprego público como “histórico”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
O presidente galego na sinatura do acordo

O presidente galego na sinatura do acordo

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, cualificou hoxe o novo acordo de concertación social do Emprego Público de Galicia de “histórico”, precisando que non só restitúe dereitos, senón que crea outros novos como a funcionarización do persoal laboral ou a instauración da carreira profesional. “Non estamos a falar só de restituír dereitos que se perderon durante a crise, senón de que crear outros que non existían no momento de bonanza económica, como a posibilidade de funcionarizar aos laborais da comunidade e de establecer unha carreira profesional para todos os funcionarios, o que comporta o incremento de retribucións”, aseverou.

Durante a súa sinatura, Feijóo quixo, en primeiro lugar, agradecer o traballo construtivo das organizacións UXT e CC.OO. e a aposta polo diálogo social, que fixo posible acadar un acordo que permitirá a transformación da Administración Pública galega: cun emprego máis estable, de maior calidade e mellor retribuído; que iguala as condicións dos empregados públicos da Comunidade; e cun sistema de avaliación que permitirá mellorar en grao, en xerarquía e retributivamente a través da carreira profesional.

Como primeiro piar do acordo, Feijóo referiuse ao compromiso de incluír un número mínimo de prazas -4.100, concretamente- nas ofertas de emprego público entre os anos 2019 e 2020. Por unha parte comprometeu, nestes anos e seguintes, a estabilización de 5.000 prazas que agora están ocupadas por persoal temporal e interino, que poderán acceder a un posto como funcionario de carreira.

Logo de incidir en que nos vindeiros anos haberá importantes oportunidades de emprego, xa que tan só na Administración xeral se xubilarán uns 8.500 profesionais que hoxe traballan na Xunta, o presidente do Goberno galego reiterou que, neste acordo tamén se aposta por facilitar os procesos de funcionarización do persoal laboral autonómico, así como pola implantación dun sistema voluntario e sustentable de carreira profesional.

Ademais do obxectivo de incrementar a estabilidade do emprego público da Xunta, o responsable autonómico explicou que se acorda incrementar as retribucións xerais para o persoal ao servizo do sector público. “Estamos a falar dunha suba media de entre o 5 e o 6%, que seguirá incrementándose no ano 2020 e 2021; e a medida que se vaian consolidando graos iranse incrementando para os próximos vinte anos, de tal xeito que finalizada a carreira administrativa, os empregados públicos da Comunidade percibirán dúas nóminas máis das que perciben hoxe”, explicou.

“Polo tanto: funcionarización, si; ofertas de emprego, si; estabilidade, si; e incremento retributivo, si”, dixo a modo de resumo, facendo fincapé en que, con esta sinatura se pon punto e final aos esforzos que os empregados públicos fixeron durante a crise; e un punto e á parte non só na recuperación dos dereitos senón na súa ampliación.

15 de xaneiro de 2019 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.