publicidade hoxe

Conde avoga polo emprego inclusivo como unha realidade en todas as empresas galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaPortada dereitaRiveira
A-
A+
Francisco Conde en Ribeira

Francisco Conde en Ribeira

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avogou hoxe, durante a presentación do proxecto pioneiro
i-Work: creación dunha cultura de emprego inclusivo na comarca do Barbanza, por que este tipo de emprego sexa unha realidade en todas as empresas galegas.

Dentro desta aposta, o Goberno galego, xunto coas Fundacións Repsol e La Caixa e concellos da zona, apoian o proxecto i-Work, impulsado pola Asociación Ambar das persoas con diversidade funcional e que ten por obxectivo avanzar na integración deste colectivo mellorando a súa inserción laboral nas empresas do Barbanza. Para logralo traballará no eido da sensibilización, información e formación dos profesionais das empresas, especialmente directivos e responsables dos procesos de contratación, co obxectivo de mellorar a percepción social da diversidade. Entre outras cuestións, ofrecerán asesoramento para crear procesos de selección máis accesibles nas empresas ou para adaptar os postos de traballo.

Conde sinalou que o emprego que vén está marcado polo uso das novas tecnoloxías e a adaptación das empresas e dos traballadores tanto á dixitalización como ás novas demandas da sociedade cambiante, polo que ademais de traballar para impulsar a innovación, o talento, a formación ou a internacionalización, hai que apostar polos traballadores, “as persoas e as súas diferentes capacidades e habilidades serán as protagonistas do cambio”, asegurou.

Neste sentido, considera prioritario traballar no eido da igualdade e a inclusión para lograr máis emprego para Galicia. Así lembrou que a Xunta está impulsando a formación e capacitación deste colectivo conxugando as necesidade das empresas coas das persoas con capacidades diferentes.

En 2019, o orzamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria reserva unha partida de 15M€ para apoios para os centros especiais de emprego, un novo programa dual destinado a este colectivo, así como axudas á contratación na empresa. Tamén se seguirá facendo fincapé no colectivo de persoas en risco de inclusión, polo que se primará a creación de postos de traballo para os que máis o precisan.

O conselleiro finalizou pedindo unidade e coordinación entre Administración, tecido empresarial e entidades para traballar na mesma dirección e facer do emprego inclusivo a regra e non a excepción. Neste espírito de colaboración e de traballo en equipo destacou que na comarca tres concellos –Ribeira, Boiro e Rianxo- son emprendedores.

9 de xaneiro de 2019 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.