publicidade hoxe

Comezan as obras da nova glorieta de Guillarei (Tui) nas que se investirán máis de 245.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTui
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Tui para anunciar o inicio das obras da nova glorieta de Guillarei nas que se van a investir máis de 245.000 euros.

Na visita estivo acompañado do alcalde da localidade, Carlos Padín, así como do xefe territorial de Infraestruturas e Mobilidade, José Luis Díez, o xefe da Axencia de Infraestruturas de Pontevedra, Fausto Núñez e o tenente alcalde da vila, Antonio Castro.

Os traballos executaranse no punto quilométrico 1+900 da PO-404 que enlaza Guillarei coa Rañada no concello de Tui.

Os traballos consistirán na construción dunha rotonda nun punto moi demandado polos veciños e que, ademais, dará acceso á Estación Depuradora de Augas Residuais desta parroquia. A área de actuación conta na actualidade cunha intersección en T co vial de acceso á Edar de Guillarei, sen carrís de espera nin de incorporación, nun tramo con escasa visibilidade. A execución dunha glorieta ten como obxectivo evitar así, xiros á esquerda sen carril central de incorporación, así como reordenar o tráfico, o que mellorará a seguridade viaria.

As obras previstas comprenden a execución dunha glorieta, cun diámetro exterior de 32 metros e unha coroa central de 12, no punto quilométrico 1+900 da estrada PO-404, a continuidade dos itinerarios peonís para mellorar a seguridade viaria de peóns e ciclistas, cun ancho de dous metros e medio, a pavimentación con capa de rodaxe, pavimento adoquinado e formigón no illote interior da glorieta e ampliación da plataforma da estrada, a iluminación da glorieta proxectada, sinalización, balizamento e defensas, e mellora, limpeza e adecuación da drenaxe.

Os viais de acceso á nova glorieta presentarán un ancho mínimo de 4 metros, dando continuidade aos existentes, e ampliaranse na súa conexión coa glorieta. As beiravías serán dun metro de ancho, salvo nas conexións cos existentes. A glorieta adaptará a súa rasante á calzada existente e en planta situouse de tal xeito que non afecte a muros nin a peches de fincas, ampliando a calzada só en fincas rústicas.

30 de xaneiro de 2019 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.