publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Cividanes destaca a importancia de fomentar a cultura da xestión de riscos para apoiar a boa marcha das exportacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

O director do Igape, Juan Cividanes, destacou hoxe en Vigo os avances no fortalecemento das relacións de cooperación entre Galicia e o norte de Portugal e a importancia para os empresarios de coñecer os aspectos do mercado asegurador nos dous países para realizar actividades transfronteirizas sen riscos.

Durante a súa intervención na presentación do estudo Regulación do contrato de seguro en Portugal e España: análise comparado, publicado pola Fundación Inade UDC coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Cividanes salientou que este libro é unha ferramenta útil para os empresarios galegos e portugueses que se deciden a internacionalizar as súas actividades no país veciño, porque nel poden obter a información esencial de como funcionan os seguros ao outro lado da fronteira.

Neste sentido, o director do Igape resaltou o bo ritmo exportador de Galicia con Portugal e o aumento do 15,1% nas vendas ao país luso nos once primeiros meses do pasado ano, período no que acadaron un valor de 2.881 millóns de euros. Ademais, lembrou que a balanza comercial co país veciño é moi positiva: a diferenza entre o total das exportacións e o total das importacións nese período foi de 1.170 millóns de euros.

Así, Galicia está a vivir desde 2013 o seu mellor ciclo exportador e, á falta dos datos de decembro, 2018 vai camiño de converterse nun ano de récord. De xaneiro a novembro, as vendas ao exterior galegas medraron un 7,2% con respecto ao mesmo período do ano anterior, duplicando o incremento da media estatal, e superando os 21.300 millóns de euros.

O estudo presentado esta mañá constitúe unha exposición sinxela para achegar aos empresarios que inician ou están inmersos nun proceso internacionalizador con Portugal información detallada sobre as principais peculiaridades das regras que rexen as prácticas aseguradoras no país veciño.

A Cátedra da Fundación Inade-UDC ten entre o seus obxectivos estratéxicos a divulgación da transcendencia da xestión integral de riscos nas empresas. Para cumprir con esta finalidade púxose en marcha a colección denominada Cadernos da Cátedra, da que o libro presentado hoxe no Círculo de Empresarios de Galicia é o número tres, coa que se pretende seguir avanzando no fomento da cultura da xestión do risco dentro do tecido produtivo galego.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, reforza a colaboración comercial con Portugal mediante programas como o Galicia Exporta Empresas e o Galicia Exporta Organismos Intermedios, que durante o 2018 apoiaron a 21 empresas galegas e catro actuacións de organismos intermedios no seu proceso internacionalizador con Portugal. A Xunta vén de abrir a convocatoria destes dous programas, aos que vai destinar 8 millóns de euros nos próximos dous anos, un 23% máis que no bienio anterior (2017-2018).

Con estas medidas a Xunta busca contribuír á internacionalización do tecido empresarial galego, así como tamén co desenvolvemento do Plan Foexga, a través do que se achegarán 3,6 millóns de euros para impulsar as exportacións de arredor de 600 pemes e autónomos galegos durante os anos 2019 e 2020, en colaboración coas cámaras de comercio galegas.

Ademais dos apoios promovidos polo programa Galicia Exporta e o Plan Foexga, o Igape desenvolve, en colaboración con diversos organismos galegos e portugueses, o proxecto Ecicii Plus, que ten como obxectivo fortalecer a capacidade de internacionalización das pemes galegas e portuguesas a outros mercados exteriores a través da intensificación da cooperación transfronteriza e do aproveitamento das sinerxías da experiencia galega e do norte de Portugal.

23 de xaneiro de 2019 | 19:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.