publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

As obras de mellora de seguridade viaria no acceso ao peirao de Portosín estarán rematadas para o verán tras un investimento duns 500.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Sen categorizar ▼
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, supervisou hoxe o inicio das obras de mellora de seguridade na estrada AC-550, no acceso ao peirao de Portosín, cun investimento duns 500.000 euros, que estarán rematadas para o verán.

Vázquez Mourelle explicou que se construirá unha glorieta nesta intersección para calmar os tráficos e realizar os xiros de forma máis segura. Precisou que así se resolverá a problemática deste cruce que se atopa nunha curva de radio reducido, con pouca visibilidade, especialmente para os coches que se incorporan desde a Travesía da Igrexa.

Reordenarase e urbanizarase o espazo sobrante entre a estrada AC-550 e a avenida da Constitución, que lle dá acceso á Igrexa de Goiáns e ao cemiterio, e habilitarase unha zona de aparcadoiro.

Tamén se executará unha pequena pasarela de madeira sobre o rego da igrexa, para facilitar o acceso desde o aparcadoiro. Os traballos rematarán con novos pasos de peóns, alumeado e a adecuación da rede de pluviais á nova superficie.

A conselleira subliñou que esta intervención é importante para garantir a seguridade viaria e tamén se aproveita para atender outras demandas veciñais e humanizar este espazo co obxectivo de que os veciños vexan melloradas a súa mobilidade e calidade de vida.

Destacou a aposta da Xunta por reforzar a seguridade nas estradas autonómicas, materia prioritaria que ten o seu marco no Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2016-2020, que recolle medidas para reducir nun 50% as vítimas mortais das estradas galegas con respecto ás rexistradas no ano 2011.

8 de xaneiro de 2019 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.