publicidade hoxe

Aberta a nova convocatoria de axudas para mellorar as infraestruturas dos concellos galegos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada esquerdaSoutomaior
A-
A+
Alfonso Rueda na visita a Soutomaior

Alfonso Rueda na visita a Soutomaior

A Xunta xa abriu o prazo para que os concellos poidan solicitar as axudas da Orde de infraestruturas de uso público, que conta este ano cun orzamento de 3 millóns de euros, un 30 por cento máis que no exercicio anterior. A convocatoria publicouse o pasado 31 de decembro no Diario Oficial de Galicia, xunto coa liña de axudas do Fondo de Compensación Ambiental, dirixida tamén a entidades locais e dotada con 11 millóns de euros.

Así o recordou hoxe o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, na súa visita a Soutomaior onde coñeceu de primeira man as obras levadas a cabo no campo de fútbol de Candán grazas á orde de infraestruturas do pasado ano. Durante a visita estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, e polo alcalde, Agustín Reguera.

A convocatoria de axudas para infraestruturas municipais subvenciona, entre outras actuacións, a instalación, ampliación ou mellora das redes de luz pública; pavimentación de camiños públicos municipais; construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de parques públicos e parques infantís; construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos municipais e/ou dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias; e construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de instalacións deportivas de uso público e/ou dotación de equipamentos das referidas instalacións.

No caso de Soutomaior, reformouse a instalación deportiva de Candán para crear unha sala multifuncional que poderá ser empregada como espazo de reunións, sala de trofeos ou á que se lle poderá dar calquera uso que se considere necesario.

A mellora do campo de fútbol é só un dos exemplos dos bos resultados da colaboración entre a Administración autonómica e o concello de Soutomaior. Desde 2009, a Vicepresidencia concedeu ao concello pontevedrés axudas por importe de preto de 400.000 euros, que se investiron en actuacións como a rehabilitación de parques, prevención de incendios, pavimentación de camiños, obras de mellora de eficiencia enerxética ou saneamento.

7 de xaneiro de 2019 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.