publicidade hoxe

A Xunta supervisa o remate das obras de reparación do firme da EP-1102 entre Meira e Fraga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPortada dereitaVigo
A-
A+

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitou esta mañá o concello de Moaña para supervisar o remate das obras de reparación do firme da EP-1102, entre Meira e Fraga, nas que o Goberno galego, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, investiu preto de 275.500 euros.

A Administración autonómica cumpre así co compromiso adquirido de reparar esta vía de titularidade provincial, que serviu de alternativa ao corte do Corredor do Morrazo durante as obras de desdobramento dos subtramos 1 e 2 para a súa conversión en autovía.

Cómpre lembrar que a Autovía do Morrazo, en servizo desde o pasado mes de maio, é o maior investimento que ten en marcha a Xunta nunha infraestrutura viaria: con, practicamente, 56 millóns nos dous treitos abertos, entre Rande e Meira, 7 quilómetros que supoñen máis do 65% do trazado e nos que se rexistran as maiores densidades de tráfico, con case 20.000 coches en época estival; e que antes do verán de 2019 sumarán 4 quilómetros máis, ata o enlace de Cangas, rematando para sempre cos atascos e completando a totalidade do eixe de comunicación que os veciños do Morrazo precisan e agardan.

Segundo informou o representante autonómico, os traballos consistiron na reparación do firme mediante o fresado e a reposición da capa de rodadura, nos tramos (entre o pq. 0+000 e pq. 2+600) nos que a estrada presentaba desgaste derivado do incremento dos tráficos.

Plan de reforzos de firmes

A Consellería de Infraestruturas está a realizar importantes esforzos en materia de conservación de estradas, con actuacións que non só se limitan ás tarefas ordinarias de conservación, senón que ademais se complementan con obras de conservación extraordinarias.

A Xunta continúa así a desenvolver o Plan de Reforzos de Firme co obxectivo de manter a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.

17 de xaneiro de 2019 | 16:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.